A Feira de Santos de Monterroso volve converter a vila no epicentro do rural galego

LugoXa
A ausencia de chuvia favoreceu a asistencia masiva de visitantes chegados de toda Galicia e tamén doutros lugares como Asturias e Portugal
feira-de-santos-monterroso
2 Nov 2025

A tradicional Feira de Santos de Monterroso, coñecida como a Feira das Feiras, volveu consolidar este ano o seu enorme poder de convocatoria, reunindo miles de persoas desde primeiras horas do día. A ausencia de chuvia favoreceu a asistencia masiva de visitantes chegados de toda Galicia e tamén doutros lugares como Asturias e Portugal, nun evento con máis de oito séculos de historia.

A vila ulloana acolleu máis de mil postos con produtos de todo tipo, converténdose nun gran escaparate da gastronomía e dos sabores do outono. A Cúpula destacou como un espazo de referencia para a mostra de produtos locais e de tempada, nun ambiente festivo e cheo de tradición.

O alcalde, Eloy Pérez, recibiu na Casa do Concello a diversas autoridades, entre elas a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ademais doutros alcaldes e cargos institucionais. Durante a súa visita, realizaron un percorrido polo recinto feiral e polo museo Monterroso, a vila das feiras, onde puideron degustar castañas, mel, embutidos e outros produtos galegos. Pérez destacou o carácter emblemático dunha cita “á que deberían vir todos os galegos” e que xa iniciou o camiño para ser recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional.
Tamén estiveron presentes representantes de diferentes forzas políticas. A conselleira do Medio

Rural salientou o valor da feira como axente dinamizador social e económico, así como o seu papel na promoción dos produtos agroalimentarios galegos e na fomentación do consumo de proximidade.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego, con presenza de Néstor Rego, Montse Valcárcel e o concelleiro Brais Vázquez, cualificou Monterroso como “o epicentro do agro galego” e subliñou que a feira “amosa o potencial do interior e da Galiza rural”. Valcárcel destacou a necesidade de proxectos transformadores que impulsen a economía do rural e contribúan a mellorar a calidade de vida da súa xente, lembrando que “feiras como esta son chave para fomentar o consumo local e xerar dinamismo económico sostible”.

Finalmente, o secretario xeral do PSdeG en Lugo e presidente da Deputación, José Tomé Roca, encabezou a ampla delegación socialista que participou na feira, compartindo a xornada cos milleiros de asistentes. Tomé estivo acompañado pola secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, a deputada provincial Pilar García Porto, o deputado Pablo Rivera e outros representantes locais e provinciais, que quixeron poñer en valor esta cita como símbolo da tradición e da vitalidade do rural lucense.

Con máis de 800 anos de historia, a Feira de Santos de Monterroso reafírmase como unha das celebracións máis importantes de Galicia, un encontro que une cultura, economía e identidade rural, e que cada ano continúa a crecer en participación e prestixio.

⚙ Configurar cookies
0.080862998962402