A feira Diversiarte a favor da inclusión cambia de localización e reunirá a 25 asociacións en Lugo
A praza Anxo Fernández Gómez, detrás do Casa do Concello, será o novo emprazamento da feira Diversiarte, que acolle a participación de 25 asociacións e colectivos que traballan polo benestar e a inclusión, baixo a coordinación da área de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde. A decisión de trasladar a feira da Horta do Seminario á citada praza foi consensuada na reunión que mantiveron na casa Clara Campoamor a maioría de representantes destes colectivos coa edil de Benestar Social e técnicos municipais.
Olga López Racamonde sinalou que “este ano alcanzamos a edición décimo oitava; estamos a falar dunha feira xa consolidada, polo que este cambio non é porque non funcione. Pero hai tempo que as asociacións barallan un cambio de emprazamento, para darlle máis visibilidade ao labor que realizan desde estes colectivos. Cremos que este ano pode funcionar tamén moi ben na praza Anxo Fernández Gómez, en pleno centro histórico, aproveitando ademais a proximidade do Mercado de Nadal, que se instala na Praza Maior”. O obxectivo non varía xa que “o último fin é dar a coñecer a súa realidade diaria, sensibilizar, concienciar e mobilizar apoios relativos á inclusión de persoas con capacidades diferentes para lograr unha sociedade máis inclusiva”, sinala López Racamonde.
Ademais, segundo explicou a concelleira despois da reunión “nesta décimo oitava edición haberá actividades alternativas, con sorpresas e novidades, dirixidas tanto ao público adulto como a nenas e nenos, para difundir a realidade destas persoas con capacidades diferentes. De feito, se está a estudiar a posibilidade de que as asociacións leven a cabo actividades de animación, en colaboración con varios clubs deportivos da cidade”. En definitiva, explica López Racamonde, “trátase de chegar ao maior número de persoas, para darlle aínda máis visibilidade a todo o traballo que fan estes colectivos, as problemáticas e retos aos que se enfrontan, e tamén dar a coñecer os logros conseguidos”.
Outro dos cambios que se abordou na reunión de onte é a ampliación do horario ao público. Pola mañá mantense a apertura de 11.00 a 14.00, mentres que á tarde estase a barallar o incremento de trinta minutos no peche da feira, cun horario de 17.00 a 20.30 horas. Ademais, como novidade, este ano a feira Diversiarte terá decoración de Nadal propia das datas nas que se celebra.
Polo de agora, hai convocadas 25 asociacións a esta feira e máis da metade xa confirmaron a súa participación nunha mostra que é xa un dos reclamos de maior peso no Nadal da cidade de Lugo. Os colectivos convocados á que será a edición decimo oitava do Diversiarte son: Adace, AECC, Afalu, Aspace, Alcer, Alume, Alucem, Alusor, Alufi, Asfega, Asorlu, Aspalu, Auxilia, Aspnais, Bonhomía, Cogami, DOWN, Fademga, Feafes, Lupus, ONCE, Fundación Anade, Raiolas, San Vicente de Paúl e Síndrome Wolf.