A Feira do 48 encherá a Praza Maior de Lugo con música, tradición e cultura galega da man de Cántigas e Frores

LugoXa
O evento celebrarase o 27 de xuño cunha ampla programación que inclúe concertos, grupos convidados e espectáculos para todos os públicos
Feira-do-48-Cantigas-e-Frores-2025
20 Jun 2026

A Asociación Cántigas e Frores de Lugo organiza unha nova edición da Feira do 48, unha cita que terá lugar o sábado 27 de xuño e que converterá a Praza Maior de Lugo nun espazo de encontro coa música, o baile e a tradición galega.

A programación arrancará coa participación dos Cantareiros de Cántigas e Frores, que celebran unha década de traxectoria musical e que animarán a sesión vermú cunha proposta festiva e participativa. Ademais, haberá un espectáculo familiar a cargo de Migallas Teatro, que presentará o seu proxecto Cantaxoga, unha proposta que combina música, humor e teatro co obxectivo de achegar a lingua e a cultura galegas a públicos de todas as idades.

Tamén estará Ismael Rodríguez, impartindo un obradoiro de baile tradicional durante toda a xornada. Rodríguez leva formándose nesta disciplina desde o ano 2006, comezando no GMBT Rebulir, e recibiu formación da man de grandes referentes, como Xisco Feijoó. Foi compoñente de distintas agrupacións, como A.C. Barca de Loimil e A.C. Traspés, e durante o seu percorrido polo eido do baile tradicional, colaborou con grandes artistas como Xabier Díaz, Luar na Lubre ou Treixadura. Tamén participiou de forma individual nas Xornadas da Hispanidade de Puebla (México) e de forma grupal no Festival Intercéltico de Lorient, Folk Azores, Integration Festival (Polonia), entre outros.

Ao longo da xornada tamén se sucederán diferentes actuacións musicais, comezando coa Murga de Cántigas e Frores, encargada de abrir a noite e de animar o ambiente no torreiro. Posteriormente será a quenda de propostas como Murguinsky, cun estilo festivo e participativo baseado na música tradicional e na improvisación.

O cartel complétase coa actuación de Ferriñas Bravas, grupo procedente de Vigo formado a partir das aulas de canto e pandeireta de O Fiadeiro, que presentará un repertorio centrado na música tradicional galega e no traballo de recuperación do patrimonio musical.

A xornada pecharase coa actuación de As Lagharteiras, un grupo de mulleres cunha longa traxectoria na compilación, conservación e divulgación da música tradicional galega, que ofrecerán un percorrido pola riqueza cultural do país a través da voz e da percusión.

0.13489198684692