A Feira do Entroido de Nadela abre a reserva de espazos para expositores

A organización da Feira do Entroido de Nadela anunciou a apertura do prazo para a reserva de espazo destinada aos expositores que desexen participar na edición deste ano, que se celebrará o vindeiro 7 de febreiro. A convocatoria está dirixida tanto a postos de alimentación como de artesanía e permanecerá aberta ata o 5 de febreiro ou ata que se complete o espazo dispoñible.
Como novidade nesta edición, a organización introduciu unha serie de premios co obxectivo de crear un ambiente máis festivo e participativo. Valorarase especialmente a decoración dos postos, a caracterización dos expositores e a creatividade das propostas, con recoñecementos para o posto mellor ambientado no seu conxunto, para a mellor caracterización individual e para aquelas iniciativas que destaquen polo uso de materiais reciclados, ideas caseiras ou propostas orixinais.
Ademais, as persoas que acudan disfrazadas á feira poderán participar tamén no concurso de disfraces que se celebrará pola tarde, reforzando así o carácter lúdico e popular desta cita do Entroido en Nadela.
As persoas interesadas poden consultar toda a información e as condicións de participación a través do perfil de Instagram da feira, @feiradoentroido_nadela, así como nas páxinas de Facebook NADELA e San Xoán de Pena, Lugo. Tamén se habilitaron varios teléfonos de contacto para resolver dúbidas e formalizar a inscrición.