A Feira do Libro de Lugo reunirá trece librarías e máis de trinta actividades entre o 13 e o 17 de maio

A cidade de Lugo acollerá a primeira feira do libro da provincia, que se celebrará do 13 ao 17 de maio coincidindo coa fin de semana das Letras Galegas. Baixo o lema Onde florecen os libros, esta cita literaria contará coa participación de trece librarías, tanto locais como doutras cidades como Vigo e Santiago, que ofrecerán os seus exemplares cun desconto do 10 % nas casetas situadas na Praza Maior. Estas estarán abertas de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:00 horas.
O evento, organizado pola Federación de Librarías de Galicia, foi presentado esta mañá pola súa presidenta, Ana López, quen destacou a unión de autores, editores, libreiros e lectores nun mesmo camiño: o da literatura. López agradeceu tamén o respaldo institucional que fai posible, ano tras ano, manter viva esta aposta pola cultura.
Na presentación participaron tamén representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello, como Javier Arias Fouz, Iria Castro, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, quen puxeron en valor o traballo da Federación e a importancia da lectura, especialmente en galego. A delegación da Xunta lembrou o apoio económico da administración, que achega 160.000 euros ás feiras do libro de Galicia.
Entre as actividades previstas —máis de 30 en total— haberá presentacións literarias, encontros con autores e autoras, contacontos, obradoiros infantís, actuacións musicais e espazos dedicados á poesía, ao cómic e á literatura xuvenil. A programación, pensada para todos os públicos, aínda non está pechada, pero xa se confirmaron nomes destacados como Francisco Narla, Blanca Riestra, Tamara López Fernández, Emilio Valadé del Río, Ismael Álvarez López, Cecilia Santomé, Rodrigo Vázquez García, Óscar Reboiras, Antía Martín Mosquera, Cova PL, Javier Regueira Serrano, Celia Veigas, Marta Villar, Lorenzo de Medici e Ana Meilán.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou tamén a presenza do gañador do premio Ánxel Fole, Agustín Agra, sinalando que será unha oportunidade excepcional para achegarse a quen nos fai soñar a través dos libros.