A Feira do Mel de Lugo regresa á Praza de Santo Domingo do 3 ao 5 de outubro

LugoXa
A XXXIII edición da cita contará con catas e obradoiros para toda a familia dentro da programación do San Froilán
presentación-Feira-do-Mel-26-Lugo
1 Oct 2026

O Concello de Lugo, coa colaboración da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA) e Mel de Galicia, celebrará do 3 ao 5 de outubro a XXXIII Feira do Mel de Lugo, que se instalará na Praza de Santo Domingo como parte da programación do San Froilán. A cita abrirá as portas cada día ás 11:00 horas e permanecerá activa ata as 21:00 horas.

A programación incluirá unha cata de mel cada mañá ás 12:30 horas. A actividade estará aberta a toda a familia e contará con 20 prazas, que se asignarán por orde de chegada.

As tardes estarán reservadas para os obradoiros. O sábado 3 de outubro, ás 18:30 horas, terá lugar un obradoiro de velas aromáticas, mentres que o domingo 4, á mesma hora, será a quenda dun taller de cremas e ungüentos para o corpo.

O luns 5, coincidindo co Día do Neno do San Froilán na Feira do Mel, a programación incluirá un obradoiro de globoflexia ás 16:30 horas e outro de extracción de mel e envasado ás 18:30 horas.

Todas as actividades terán 20 prazas, que se cubrirán por orde de chegada. Os obradoiros estarán dirixidos a toda a familia, mentres que a actividade de extracción de mel e envasado estará aberta a todos os públicos.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Industria e Mercados, Silvia Colmenero, presentaron a programación xunto con representantes da APLA e de Mel de Galicia, entre eles o seu secretario, José Manuel Fernández Sande, e o vocal Carlos Díaz. Durante a presentación, Candia destacou a importancia de manter esta feira dentro do programa das festas e de achegar á cidadanía un produto presente nos fogares lucenses, ao tempo que se pon en valor o traballo dos produtores.

A rexedora animou tamén a lucenses e visitantes a achegarse á Praza de Santo Domingo durante os tres días da feira para coñecer, probar e mercar o mel e os diferentes produtos ofrecidos polos expositores.

0.16262197494507