A feira Innovando no rural, escaparate en Lugo para as emprendedoras

LugoXa
A proposta naceu para impulsar, orientar e axudar a todas as mulleres que queren iniciar o seu propio camiño laboral
Feira_emprendedoras
Feira_emprendedoras
7 Xuño 2024

Un total de 34 mulleres que son “exemplo de innovación no rural” integran a feira de primavera coa que o Campus Terra da USC quere dar voz, a través de espazos expositivos e diversas mesas redondas, ás emprendedoras que loitan cada día contra o despoboamento. “Trátase de historias inspiradoras sobre como afrontar os retos e aproveitar as oportunidades”, explicou Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra, no acto inaugural deste foro que se desenvolve na Praza da Mosqueira de Lugo. A xornada conta cun amplo abano de actividades lúdicas entre as que se atopa a actuación en dúas quendas de Catuxa Salom.

A feira Innovando no Rural naceu para impulsar, orientar e axudar a todas as mulleres que queren iniciar o seu propio camiño laboral, tanto se teñen unha idea que parte de cero coma se xa emprenderon e necesitan un novo rumbo. Para axudalas, sobre todo nas fases iniciais do seu negocio, “é necesario reforzar accións deste tipo que lles acheguen os recursos e coñecementos necesarios, así como tecer redes de colaboración que se establecen nesta tipo de foros”, engaden dende o Campus Terra da USC.

No evento, que ten como obxectivo a visibilización de proxectos empresariais liderados por mulleres no ámbito rural galego, un total de 22 emprendedoras de Lugo expuxeron os seus produtos e servizos nas diferentes casetas da mostra. Alvarellos Fondo puxo en valor “o impacto positivo que teñen todas elas na fixación de poboación, a xeración de emprego e a redución das desigualdades. O seu esforzo e dedicación son chave para a construción dun futuro máis xusto e equitativo na súa contorna, onde as oportunidades poidan ser accesibles para todos e todas”.

Ao longo da xornada celebráronse diversas mesas redondas nas que destacadas emprendedoras falaron sobre a súa experiencia, os retos que enfrontaron cando botaron a andar os seus proxectos e as axudas as que poden acudir quen acaban de chegar ao ecosistema emprendedor. “Desde o noso goberno continuamos apostando pola innovación e o emprendemento. Iniciativas como o fondo de capital risco Lugo Transforma, que mobilizou 12 millóns de euros, demostran o noso compromiso”.

Carácter rural de Lugo

Alvarellos destacou tamén “o carácter rural do Concello de Lugo que é, sen dúbida, un dos nosos elementos de identidade máis característicos”. Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as políticas de emprego da Xunta priorizan o apoio aos proxectos de mulleres emprendedoras no rural, establecendo criterios de discriminación positiva nos distintos programas de axudas que se convocan.

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, eloxiou esta iniciativa, xa que sinalou que “neste camiño de recoñecer o rural coma fonte de riqueza e impedir que esmoreza, todos temos que tomar partido”. “Sabemos que é vital dotar ao rural de servizos que permitan que as ideas e proxectos das nosas emprendedoras poidan medrar e prosperar”, subliñou.

Uns servizos, engadiu, “que afectan directamente ao emprendemento, como o acceso a internet de alta velocidade, imprescindible nun mundo cada vez máis dixitalizado. Pero tamén aqueles sen os que non se pode vivir, como a sanidade ou a educación, porque desenvolver calquera proxecto é case imposible sen médicos que atendan no centro de saúde ou sen escolas para os nenos e nenas da xente que emprende”.

Perspectiva de xénero

Nesta liña, o deputado incidiu que o apoio ao rural vertebra todas as políticas públicas que se levan adiante dende a Deputación, nas que ademais se aplican de maneira transversal a perspectiva de xénero. “Facémolo cando arranxamos as estradas, poñemos en marcha centros de atención a maiores nos pequenos concellos, ou colaboramos coa USC para que poida poñer en marcha este tipo de iniciativas”, indicou Miguel Fernández.

Pola súa parte, o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que a Xunta “é moi consciente da importancia de fomentar o desenvolvemento rural a través da pegada das emprendedoras e por iso traballa dun xeito transversal a través de distintos departamentos para apoialas”. Así, contan con condicións vantaxosas en convocatorias como as de fomento do emprego autónomo ou de cooperativas e outros modelos de economía social.

Tamén subliñou “a aposta por achegar servizos de asesoramento a todo o territorio a través dos Polos de Emprendemento”, que na nosa provincia están situados en Monforte de Lemos, Friol, A Fonsagrada e Mondoñedo. “Son un referente próximo para todo aquel que teña unha idea de negocio, onde se lles facilitará acompañamento nas xestións económicas e administrativas e na materialización do proxecto”, apuntou.

 

 

.

 

 

0.19330215454102