A Festa da Androlla, unha cita de éxito na montaña lucense

Navia de Suarna celebrou este domingo a XXXII Festa da Androlla con máis de 4000 quilogramos a vender deste produto típico
Festa Androlla Navia
Festa Androlla Navia
20 feb 2023

A XXXII Festa da Androlla reuniu este domingo en Navia de Suarna a centos de veciños e veciñas e tamén a un gran numero de visitantes que se achegaron a desfrutar desta festa na montaña lucense.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, e deputados e deputadas provinciais tamén participou este domingo na XXXII Festa da Androlla e subliñou que esta emblemática cita gastronómica, que se celebra sempre coincidindo co domingo de Entroido, “supón un revulsivo económico para Navia de Suarna, e tamén contribúe a promocionar o concello e, polo tanto, a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio”.

A institución provincial colabora co festexo, onde se puxeron á venda arredor de 4.000 quilos de androlla, un produto de primeira calidade, elaborado coas materias primas excepcionais que facilita o sector primario. Tomé Roca destacou que “gandeiros e produtores, sector primario e pemes, son un exemplo dese tecido produtivo para a pervivencia do noso rural”.

As actividades arrancaron cun pasarrúas, que continuou coa degustación de androlla na Praza da Vila e o xantar oficial. O peche tivo lugar pola tarde cunha actuación musical.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez tamé se achegou a desfrutar desta festa no concello de Navia e destacou o gran traballo do alcalde, José Fernández, e de todo o seu equipo de Goberno para consolidar a Festa da Androlla como unha cita gastronómica referente na provincia de Lugo. A subdelegada declarou na feira deste singular embutido “que é un atractivo turístico máis que se suma aos naturais e paisaxísticos deste municipio da Montaña lucense”.