A Fiscalía solicita novas dilixencias na denuncia por acoso sexual contra José Tomé

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Considera que a petición de sobresemento é prematura, ao entender que aínda quedan dilixencias de investigación relevantes por practicar para esclarecer os feitos denunciados
jose-tome-diputacion-como-adscrito
17 Jun 2026

A Fiscalía Provincial de Lugo oponse ao arquivo da causa contra o expresidente da Deputación lucense e impugnou o recurso presentado pola defensa contra o auto que acordou continuar a investigación xudicial aberta a raíz dunha denuncia por presuntos delitos contra a liberdade sexual.

No seu escrito, datado o 22 de maio de 2026, o Ministerio Fiscal considera que a petición de sobresemento é prematura, ao entender que aínda quedan dilixencias de investigación relevantes por practicar para esclarecer os feitos denunciados.

A Fiscalía sinala que, cos datos obtidos ata o momento, resulta complexo encaixar os feitos no delito de acoso sexual, ao non estar acreditados por agora algúns dos requisitos esixidos por dito precepto. Non obstante, subliña que a investigación se atopa aínda nunha fase inicial e que non existen elementos suficientes para descartar definitivamente esa cualificación xurídica.

O escrito do fiscal engade que, mesmo no suposto de que finalmente non chegase a apreciarse un delito de acoso sexual, os feitos denunciados poderían ser constitutivos doutros delitos contra a liberdade e a dignidade da persoa, como ameazas, coaccións, trato degradante ou condutas de carácter sexual que xeren unha situación obxectivamente humillante, hostil ou intimidatoria.

Así mesmo, a Fiscalía considera necesario ampliar a investigación mediante a práctica de novas dilixencias. Entre elas, solicita a incorporación ao procedemento das conversas mantidas entre a denunciante e o investigado, así como a declaración de varias persoas identificadas polas testemuñas, que poderían ter sufrido feitos semellantes ou dispoñer de información relevante sobre os mesmos. O obxectivo, sinala o Ministerio Fiscal, é determinar coa maior precisión posible o alcance dos feitos investigados e as eventuais condutas atribuídas ao denunciado.

Por todo iso, a Fiscalía interesa a desestimación do recurso presentado pola defensa e a confirmación da resolución xudicial recorrida, co fin de que continúe a instrución da causa.

0.10409092903137