A Foliada de Orbazai celebra a súa 13ª edición con música, tradición e festa o 7 de xuño

O vindeiro 7 de xuño, Orbazai encherase de música, baile e cultura popular coa celebración da 13ª edición da súa tradicional Foliada, organizada polo grupo Airiños de Orbazai.
Ao longo de toda a xornada, veciños e visitantes poderán desfrutar dun completo programa de actividades que mestura artesanía, gastronomía e, sobre todo, moita música tradicional galega.
A festa comezará cunha Feira de Artesanía, na que se darán cita diferentes expositores locais e comarcais, seguida do Festival das Escolas de Orbazai, onde os máis novos demostrarán o seu talento e compromiso coa cultura galega. Non faltará tampouco o xantar popular, un encontro gastronómico pensado para compartir mesa e conversa entre veciños e forasteiros.
Durante a tarde e a noite, a música tomará o protagonismo coas actuacións de agrupacións convidadas como A Volta do Agro, de Lugo, a Asociación Cultural Carballo da Manteiga, de Lalín, e as Cantareiras D'Xanares, entre outras formacións que porán banda sonora a unha das citas máis queridas do calendario festivo da parroquia.
Ademais, haberá unha degustación de pinchos e unha Foliada Libre, espazo no que músicos e afeccionados poderán sumarse espontaneamente á festa e á improvisación tradicional.