A Fonsagrada abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán de 2026

LugoXa
As solicitudes poderán presentarse entre o 8 e o 17 de xuño para participar nun programa dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos
Campamento-verán-A-fonsagrada
9 Jun 2026

O Concello de A Fonsagrada abriu o prazo de inscrición para os campamentos de verán de 2026, unha iniciativa de carácter lúdico e educativo destinada a favorecer o desenvolvemento persoal da infancia a través de actividades de convivencia, cooperación e lecer.

O programa está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, concretamente aos nacidos entre os anos 2014 e 2022. Segundo explica o Concello, esta proposta busca fomentar a autonomía e independencia dos participantes, ao tempo que promove valores como o respecto, a convivencia, os hábitos de vida saudables e o contacto coa natureza, o deporte e a cultura.

O servizo está destinado prioritariamente a menores empadroados no municipio. No caso de que existan máis prazas que solicitudes, tamén poderán acceder os nenos e nenas non empadroados que estean matriculados nalgún centro educativo da localidade ou cuxos proxenitores desenvolvan a súa actividade laboral no termo municipal. Ademais, de quedar vacantes dispoñibles, admitirase tamén a participación doutros menores non empadroados.

As familias poderán optar entre tres modalidades. A primeira desenvolverase entre o 15 e o 31 de xullo de 2026; a segunda terá lugar do 3 ao 14 de agosto; mentres que a terceira permitirá participar durante todo o período, desde o 15 de xullo ata o 14 de agosto.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de xuño, ambos os dous incluídos. As persoas non empadroadas que aleguen vinculación cun centro educativo da Fonsagrada ou cunha empresa situada no municipio deberán achegar a correspondente documentación acreditativa xunto coa inscrición.

O Concello lembra que non se admitirán solicitudes presentadas fóra de prazo nin aquelas que estean incompletas ou carezan da documentación requirida.

A lista provisional de persoas admitidas publicarase o 19 de xuño na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello. As posibles alegacións poderán presentarse ata o 25 de xuño, mentres que a resolución definitiva darase a coñecer o 26 de xuño.

0.10738015174866