A Fonsagrada acolle a preestrea da película '360 curvas', unha homenaxe á memoria e á resistencia colectiva

LugoXa
O filme, dirixido por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Fernández Silva, proxéctase o sábado 24 de xaneiro no salón de actos municipal
filme-360-curvas-A-Fonsagrada
18 Jan 2026

A Fonsagrada converterase o vindeiro sábado, 24 de xaneiro, no escenario da preestrea da película 360 curvas, escrita e dirixida por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Fernández Silva. A xornada pretende ser unha celebración da memoria, das curvas do camiño e da forza dunha comunidade que soubo erguerse para endereitar o seu propio destino no lugar onde naceu esta historia.

A programación comezará pola mañá cunha concentración de vehículos en Lugo ás 11.30 horas, na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, desde onde partirá ás 12.00 horas un percorrido en grupo ata A Fonsagrada. Xa ao mediodía, ás 14.00 horas, celebrarase un aperitivo acompañado dun concerto de Jei Noguerol no restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

O momento central da xornada terá lugar ás 17.00 horas coa proxección de 360 curvas no salón de actos municipal, seguida dun coloquio arredor do filme. O encontro pecharase ás 19.30 horas cunha reunión final e un brinde de clausura, novamente no restaurante Cantábrico.

A película parte dunha idea sinxela e poderosa: 360 curvas separan A Fonsagrada de Lugo. Esas curvas gardan mil vidas no seu interior e son testemuñas de nacementos, marchas, caídas, resistencias e retornos. A estrada convértese así nun fío narrativo que fala de emigración, abandono, esperanza e dignidade, e que retrata un pobo que decidiu chegar antes e non renderse.

360 curvas é un filme sobre curvas, pero tamén sobre futuro, sobre xente que segue en pé e sobre unha terra que continúa avanzando malia as dificultades.

⚙ Configurar cookies
0.078919887542725