A Fonsagrada acolle dous cursos para explotacións agrarias

LugoXa
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previstos dous cursos a semana vindeira na Fonsagrada
TraloAgro friol
4 Sep 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previstos dous cursos a semana vindeira na Fonsagrada, organizados pola Oficina Agraria Comarcal desta localidade luguesa.

O primeiro centrarase na mellora da xestión económica das explotacións agrarias e o segundo nos distintos trámites requiridos aos produtores en relación coa administración electrónica.  

Así, entre o 6 e o 8 de setembro está previsto que se celebre a acción sobre xestión económica, que busca achegar aos titulares das ganderías da comarca coñecementos básicos para que aumenten a rendibilidade das súas explotacións. En concreto, recibirán 10 horas de formación en horario de tarde sobre conceptos xerais de xestión, recollida de datos e soportes informáticos para o tratamento destes datos, ao tempo que poderán ver exemplos prácticos dos que tirar conclusións para as súas granxas. 

No caso do curso sobre administración electrónica, que terá lugar entre o 9 e o 10 de setembro tamén en horario de tarde, a formación constará de seis horas. O obxectivo é que os autónomos con actividade agraria ou a xente nova que se queira incorporar ao agro se familiaricen cos procedementos dixitais obrigatorios. 

En todo caso, cómpre apuntar que ambos cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. 

0.16644287109375