A Fonsagrada acolle un obradoiro para aprender a combater a desinformación este 9 de xullo

LugoXa
A actividade, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Deputación de Lugo, celebrarase na Casa da Cultura e estará dirixida ao público adulto
obradoiro-contra-a-desinformación
7 Jul 2026

A Casa da Cultura da Fonsagrada será o escenario este xoves, 9 de xullo, dun novo obradoiro de alfabetización mediática centrado na loita contra a desinformación. A iniciativa, promovida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia grazas ao apoio económico da Deputación de Lugo, desenvolverase a partir das 12:30 horas e está orientada á poboación adulta.

A sesión forma parte do programa que o Colexio de Xornalistas está a desenvolver na provincia lucense para fomentar un consumo máis crítico da información e dotar á cidadanía de ferramentas que lle permitan identificar con maior facilidade os contidos veraces e diferenciar o xornalismo rigoroso das noticias falsas.

O taller será impartido pola xornalista Pilar Rodríguez Losada, profesional con ampla traxectoria como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas dixitais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Ademais da súa experiencia profesional, recibiu formación específica en alfabetización mediática, do mesmo xeito que o resto do equipo docente que participa neste programa, co obxectivo de achegar á cidadanía estratexias eficaces para detectar e facer fronte á desinformación.

A participación na actividade será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, sen que sexa necesario realizar inscrición previa.

0.12395715713501