A Fonsagrada acollerá este sábado unha nova edición de XOGAL cun escape room ao aire libre

A Fonsagrada converterase este sábado, 11 de xullo, nun dos escenarios de XOGAL 2026, o ciclo de escape rooms gratuítos ao aire libre que durante este verán está a percorrer dez concellos galegos. A cita dará comezo ás 11:00 horas no depósito da auga da rúa Antonio Fraguas, punto de partida dunha aventura que levará por título «A verdadeira auga da Fonsagrada».
Antes do inicio da actividade ofrecerase un pequeno aperitivo de benvida para todas as persoas que se acheguen ao punto de encontro.
A proposta convida aos participantes a resolver enigmas e superar diferentes retos mentres percorren algúns dos lugares máis representativos da vila. As rúas, os edificios, a historia e as paisaxes da localidade converteranse nas pezas fundamentais dun xogo pensado para descubrir o patrimonio local dunha forma diferente.
A actividade está dirixida a familias, grupos de amigos e visitantes, que competirán por equipos nunha experiencia gamificada deseñada para todas as idades. Ademais da participación no xogo, os equipos mellor clasificados recibirán premios en forma de experiencias turísticas e de lecer, mentres que todas as persoas inscritas entrarán automaticamente nos sorteos organizados polo proxecto.