A Fonsagrada está sendo obxecto dunhas obras de mellora do desaugadoiro no río Ferreira

LugoXa
A actuación da Confederación Hidrográfica do Cantábrico busca reducir o risco de pequenos desbordamentos e mellorar o estado ecolóxico da canle
comprobación-obras-río-Ferreira-A-Fonsagrada
27 Apr 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou os traballos que se están a executar no río Ferreira, nas proximidades de Ferreira de Abaixo, no concello da Fonsagrada, destinados a mellorar a capacidade de desaugadoiro da canle. A intervención corre a cargo da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Durante a visita, López destacou que esta actuación resulta clave para protexer os terreos situados nas marxes do río, ao permitir recuperar a capacidade hidráulica da canle e diminuír o risco de pequenos desbordamentos en episodios de crecidas moderadas.

Os traballos consisten na retirada de elementos que dificultaban o paso da auga, como acumulacións de troncos, restos vexetais e outros materiais, ademais de actuacións selectivas sobre a vexetación de ribeira.

Segundo explicou a subdelegada, estas tarefas contribúen tamén á mellora do estado ecolóxico dos cursos fluviais e enmárcanse nos obxectivos da planificación hidrolóxica e da xestión do risco de inundación impulsados polo Goberno de España.

A intervención abrangue un tramo de 400 metros e conta cun investimento de 7.501 euros, dentro do programa de conservación e mantemento de canles que desenvolve a Confederación Hidrográfica do Cantábrico nas zonas rurais da súa competencia.

No conxunto de 2025, este organismo destinou 5,9 millóns de euros a actuacións de conservación e mantemento repartidas en 263 intervencións executadas en 100 municipios.

Desde a Confederación lembran que as chamadas coloquialmente “limpezas” de canles, centradas na retirada de obstáculos como troncos ou sedimentos, teñen unha eficacia limitada fronte ás grandes enchentes, xa que o seu efecto principal é previr desbordamentos ante aumentos moderados de caudal.

Neste sentido, Olimpia López subliñou que a redución real do risco de inundación require un conxunto máis amplo de medidas, entre elas evitar a ocupación de zonas inundables.

Ademais destas tarefas, a Confederación desenvolve outras accións ambientais orientadas á recuperación dos ecosistemas fluviais, como a restauración da vexetación de ribeira, a eliminación de azudes en desuso e o control de especies invasoras.

0.11913919448853