A Fonsagrada reúne exemplares de diferentes razas no XXXIII Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal

A Fonsagrada acolleu unha nova edición do Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal, unha cita con máis de tres décadas de tradición na comarca que reuniu no recinto do Mercado Comarcal Gandeiro exemplares de diferentes razas e modalidades.
O programa arrancou ás 11.00 horas co Concurso Morfolóxico de Cabalas e Eguas de Pura Raza Galega. Durante esta primeira parte do certame, o xurado avaliou as características dos exemplares participantes e aspectos propios da súa morfoloxía.
A competición incluíu diferentes categorías, con modalidades para ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns e cruzados de percherón, ademais dos exemplares de Pura Raza Galega. Tamén se celebrou o concurso de andadura galega, dividido nas modalidades Serrada e Chapeada.
A programación completouse cunha exhibición de Doma de Alta Escola protagonizada por eguas de Pura Raza Galega, que puxo o punto de interese a unha xornada dedicada ao mundo cabalar e á posta en valor das razas autóctonas.
O XXXIII Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal está organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego e conta coa colaboración da Deputación de Lugo, a través do Servizo de Audiovisuais, así como coa doazón de dous trofeos por parte da institución provincial.
No marco da celebración participou o deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, quen puxo en valor o compromiso da Deputación co sector primario e destacou o papel da Granxa Gayoso Castro como "un centro de referencia para a provincia de Lugo a través da recría, a formación, a innovación e a investigación vinculadas á gandería".
Carlos López tamén salientou o traballo desenvolvido nas instalacións provinciais de Castro de Rei para apoiar a recría de Rubia Galega en colaboración con ACRUGA, así como o funcionamento do primeiro centro de iniciativa pública creado en España para a recría de gando vacún de leite.