A fotógrafa lucense Saleta Rosón expón en PHotoESPAÑA 2026 co proxecto 'Reniala, a nai do bosque'

GaliciaXa | LugoXa
A mostra reúne preto de 30 imaxes centradas nos baobabs africanos e poderá visitarse en Madrid ata o 4 de xullo
exposicion-Saleta-Roson
22 Jun 2026

A fotógrafa lucense Saleta Rosón participa na XXIX edición do PHotoESPAÑA 2026 coa exposición 'Reniala, a nai do bosque', un proxecto integrado no Circuíto PHE do recoñecido festival internacional de fotografía que se celebra en Madrid.

A mostra reúne preto dunha trintena de imaxes centradas nos baobabs africanos, árbores milenarias convertidas en símbolos de memoria, resistencia e conexión entre o ser humano e a natureza. O traballo poderá visitarse ata o próximo 4 de xullo no Espacio Argén.

A exposición forma parte da XXIX edición de PHotoESPAÑA, considerado un dos festivais internacionais de fotografía máis destacados de Europa e que este ano se desenvolve baixo o lema Volver a imaxinar.

A través desta serie fotográfica, Saleta Rosón constrúe unha proposta visual arredor da memoria colectiva e da pegada que as persoas deixan sobre o territorio. Os protagonistas das instantáneas son os grandes baobabs africanos, árbores que ao longo dos séculos serviron como puntos de encontro, símbolos espirituais e gardiáns da historia de numerosas comunidades.

A propia fotógrafa explicou a especial relación que mantén con este elemento central da exposición e sinalou: “Desde que era pequena, o baobab foi unha árbore que me fascinou. En moitas culturas africanas é moito máis ca unha árbore: é un lugar de encontro, memoria e espiritualidade, un símbolo de vida que conecta xeracións”.

Rosón tamén destacou a importancia deste proxecto persoal e convidou ao público a descubrir a mostra: “Invítovos a descubrir e gozar da maxestosidade do baobab, un ser extraordinario que nos lembra a profunda relación entre a natureza, a historia e a comunidade”.

Co proxecto 'Reniala, a nai do bosque', a fotógrafa lucense propón unha mirada que vai máis alá da dimensión paisaxística, explorando a relación entre natureza, identidade e memoria a través dun dos elementos máis representativos do continente africano.

0.12727999687195