A Fundación Breogán e a UNED de Lugo impulsan “Miño Vivo”, un proxecto de educación ambiental nas Terras do Miño

A Fundación Breogán e a UNED de Lugo poñerán en marcha o proxecto “Miño Vivo”, unha iniciativa de educación ambiental destinada a fomentar o coñecemento, a participación social e a conexión coa natureza na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
As actividades estarán deseñadas e impartidas integramente por persoal da UNED de Lugo no marco de #LugoNaturalMente, unha liña de traballo consolidada do centro universitario centrada na educación ambiental, na posta en valor do patrimonio natural da provincia e na sensibilización arredor da sustentabilidade.
“Miño Vivo” nace coa intención de traballar xunto a asociacións, colectivos sociais e entidades lucenses a través de experiencias vivenciais ao aire libre, combinando aprendizaxe, sensibilización ambiental, participación activa e creación colectiva.
As sesións desenvolveranse na contorna do río Miño mediante dinámicas participativas centradas na observación da biodiversidade, na identificación da flora autóctona, na escoita activa da natureza e na elaboración dun mural colaborativo con elementos naturais recollidos durante as actividades.
A primeira sesión celebrarase o 12 de xuño coa participación de Raiolas, dando comezo a un calendario de propostas que continuará ao longo do mes con diferentes asociacións e entidades sociais de Lugo.
O programa seguirá o 16 de xuño con Dano Cerebral Lugo; o 17 de xuño co H.U.L.A.; o 18 de xuño con ASPNAIS; o 19 de xuño con San Vicente de Paul; os días 23 e 26 de xuño con COGAMI; o 26 de xuño con Grazas Avós; e o 30 de xuño con Down Lugo.
A iniciativa aposta por unha educación ambiental inclusiva, activa e conectada co territorio, favorecendo que persoas pertencentes a distintos colectivos poidan achegarse ao patrimonio natural de Lugo desde unha perspectiva participativa, sensorial e comunitaria.
Desde a UNED de Lugo destacan que este proxecto encaixa plenamente no espírito de #LugoNaturalMente, unha proposta que busca unir coñecemento académico, participación cidadá e compromiso ambiental para contribuír á protección e divulgación da riqueza natural da provincia.
Pola súa banda, a Fundación Breogán reforza con esta colaboración o seu compromiso co territorio, coa inclusión social e co impulso de iniciativas que favorezan a participación cidadá e a posta en valor do patrimonio natural lucense.