A Fundación Breogán equipa o equipo de PRODEME de Monforte ante a Copa Campións

LugoXa | RibeiraSacraXa
Os deportistas recibiron as novas equipacións nun acto coa participación de representantes do club e da UNED de Lugo que reivindicou o baloncesto como ferramenta de inclusión
Fundación-Breogán-Prodeme-UNED
23 Oct 2026

O equipo de baloncesto da Fundación Breogán integrado por persoas usuarias da Asociación PRODEME de Monforte de Lemos xa conta coas súas novas equipacións deportivas para afrontar os próximos retos. A entrega celebrouse nun acto no que participaron representantes do club lucense e da UNED de Lugo, cunha mensaxe común sobre o papel do deporte na inclusión social e na igualdade de oportunidades.

No encontro estiveron presentes o director xeral do Río Breogán, Salva Arco; o capitán do primeiro equipo, Erik Quintela; o director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, e a directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena.

A iniciativa chega nun momento destacado para os integrantes de PRODEME, que participarán na Copa Campións da Fundación ACB 2026-2027, unha competición de baloncesto dirixida a persoas con discapacidade intelectual. O torneo busca promover a participación deportiva, a convivencia e valores como o compañeirismo e o respecto.

Durante o acto, Traseira Pena incidiu na necesidade de que a inclusión se traduza en medidas concretas que permitan a todas as persoas participar en igualdade de condicións. A directora da UNED destacou o potencial do deporte para eliminar barreiras e avanzar cara a unha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva.

A entrega das equipacións simboliza a colaboración entre a Fundación Breogán, PRODEME e a UNED de Lugo, entidades que comparten o compromiso de impulsar oportunidades para as persoas con discapacidade intelectual a través da práctica deportiva.

Ademais do apoio material para afrontar a competición, o acto serviu para recoñecer o esforzo dos xogadores e reforzar valores como a superación persoal e o traballo en equipo. Unha aposta polo baloncesto como espazo de encontro e participación que vai máis alá dos resultados deportivos.

0.15644812583923