A Fundación Breogán organiza as V Xornadas de tecnificación para mozos e mozas de 8 a 16 anos

A Fundación Breogán celebrará os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril de 2026 a quinta edición das súas Xornadas de tecnificación, unha iniciativa dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos que queiran perfeccionar o seu nivel de xogo e coñecer de preto a metodoloxía de traballo do baloncesto profesional.
A actividade desenvolverase no Anexo do Pazo dos Deportes de Lugo, en horario de 9:00 a 16:00 horas, ao longo de tres xornadas intensivas centradas na formación técnica e nos valores asociados ao deporte.
O programa inclúe sesións de adestramento específicas dirixidas por técnicos e técnicas da Fundación, así como a visita de xogadores e membros do corpo técnico do Club Baloncesto Breogán SAD, que compartirán a súa experiencia cos participantes. Ademais, organizaranse charlas formativas orientadas a fomentar principios como o compañeirismo, a disciplina e a capacidade de superación.
A organización oferta un total de 50 prazas, repartidas en dous grupos de idade: 25 para nados e nadas entre 2014 e 2018 e outras 25 para participantes nacidos entre 2010 e 2013.
O prazo de inscrición abrirase cun período preferente para socios benefactores, que poderán formalizar a súa participación entre o 20 e o 28 de febreiro ata as 14:00 horas. A continuación, do 1 ao 15 de marzo, ou ata completar as prazas dispoñibles, o proceso estenderase ao público en xeral.
As Xornadas contemplan descontos de 15 euros para irmáns e irmás inscritos, así como unha redución de 20 euros para fillos e fillas de socios benefactores e de empresas benefactoras ou colaboradoras. A matrícula inclúe a camiseta oficial do evento, subministración de auga durante os adestramentos e un agasallo conmemorativo.