A Fundación Breogán recupera "Ningún Aro Sen Rede" para unir baloncesto, reciclaxe e educación

A Fundación Breogán, xunto coa UNED Lugo, poñerá en marcha durante o curso 2026/27 a quinta edición de "Ningún Aro Sen Rede", un proxecto que combina deporte, educación e sustentabilidade e no que poderán participar os centros de Educación Infantil e Primaria de Lugo, tanto da capital como da provincia.
A iniciativa baséase na recollida de material de escritura usado nos centros educativos para posteriormente transformalo en redes de baloncesto sostibles. O proxecto pretende fomentar entre o alumnado hábitos relacionados coa reciclaxe, a economía circular e o coidado do medio ambiente a través dunha actividade vinculada ao deporte.
Os centros participantes repartiranse en tres categorías en función do número de alumnos e alumnas que se impliquen na iniciativa: menos de 50 participantes, entre 50 e 150 e máis de 150.
Os gañadores de cada categoría recibirán diferentes premios, entre eles invitacións para asistir a un encontro do Río Breogán, un vale para adquirir libros de temática ambiental da UNED Lugo, un lote de redes sostibles de Ecoballution e un trofeo personalizado de O Artesán 3D.
O proxecto desenvolverase entre outubro de 2026 e maio de 2027. A primeira semana de maio está prevista a recollida e pesaxe do material reunido polos centros, mentres que o 17 de maio, Día Mundial da Reciclaxe, terá lugar o acto de entrega dos premios.