A Fundación Expomar comexou os preparativos das Xornadas Técnicas

TerraChaXa | LugoXa
24 Feb 2020

A Fundación Expomar mantivo, nas últimas horas, a primeira xuntanza para preparar as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial, que se celebrarán o vindeiro mes de maio e no que se abordarán cuestións de interese para o sector pesqueiro. A Fundación tentará organizar actividades en colaboración co Galp A Mariña-Ortegal nos centros de ensino de Burela e do resto da comarca. Na axenda de onte tamén se tratou a Feira Produart e a OPP de Lugo entrou a formar parte do padroado da Fundación Expomar. A vindeira xuntanza terá lugar o 2 de marzo.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou que “tivemos a primeira reunión da Fundación Expomar para ir planificando o que van ser este ano as actividades que queremos e que nos corresponden facer. Fixemos a reunión do Padroado, que está constituído por unha serie de organismos e institucións, e onte tivemos a oportunidade de aumentar ese padroado coa OPP de Lugo, que vai estar representada por Sergio López, quen realmente xa estaba sendo colaborador, pero agora será dun xeito oficial. Fixemos a reunión do Padroado onde tivemos a oportunidade de facer análise do que fixemos o ano pasado e as previsións de actividades que queremos facer este ano. Iso ratificámolo no comité executivo, polo tanto tivemos as dúas reunións, a do Padroado máis a do Comité Executivo”.

Llano manifestou que “este ano corresponde facer a organización das Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial que van ser no mes de maio, temos que fixar a data. Por outro lado, tamén imos traballar os temas que imos tratar, cales son os máis convenientes para o sector pesqueiro e aqueles que sexan máis interesantes. Imos procurar que estean en Burela as cuestións de actualidade, sempre vai ser responsabilidade de Expomar traer os temas que máis preocupan ao sector. Xa estivemos falando onte e o Brexit seguro que estará enriba da mesa”.

O presidente da Fundación Expomar salientou que “como o ano pasado fixemos unha serie de actividades en colaboración co Galp A Mariña-Ortegal, imos intentar volver insistir neste tipo de iniciativas porque pensamos que é moi boa cousa dado que o ano pasado tivera moita repercusión sobre todo nos institutos e colexios de Burela. Agora queremos abrilo tamén á participación dos colexios e institutos da comarca. Imos pensar en actividades que estean relacionadas coa consolidación do Centro de Coñecemento, que foi o que se iniciara o ano pasado, cunha serie de obxectivos como coñecer o relevo xeracional, concienciar e sensibilizar á poboación sobre o coidado do medio ambiente, transmitir a cultura vencellada ao mar na xente máis nova, xerar información e coñecemento a través da creación de ferramentas didácticas, etc…”.

Alfredo Llano relatou que “tamén temos a feira Produart e queremos organizala de tal maneira que se vexan produtos de calidade, ecolóxicos, respectuosos e sostibles. Ademais imos tratar de facer algún acto para promocionar o peixe, sobre todo o que se comercializa en Burela, facer algún tipo de degustación, sempre pensando no turismo gastronómico e na calidade que teñen os nosos produtos pesqueiros. Imos facer a seguinte reunión o 2 de marzo, para xa ir concretando todo o que falamos onte. Penso que hai ganas de colaborar, de facer un bo traballo para que a Fundación Expomar, a través da xerencia nova que está facendo un bo traballo, poidamos axudar ao sector pesqueiro en todo aquel ámbito que sexa positivo para que siga sendo un sector que dure eternamente como medio cultural, e sobre todo económico, de Burela e da Mariña lucense”.

0.13905191421509