A gala solidaria Diez Raz10nes recada máis de 18.000 euros para Alume e o HULA

LugoXa
As dúas entidades recibiron cadanseu cheque de 9.087 euros para apoiar un programa contra a soidade en persoas con trastorno mental grave e a creación dun parque terapéutico infantil no hospital lucense
Cheque Diez Raziones Lugo 26
16 Nov 2026

A gala solidaria Diez Raz10nes, celebrada o pasado 16 de maio no Círculo das Artes de Lugo, recadou máis de 18.000 euros destinados a apoiar dous proxectos de Alume Saúde Mental e da Área de Humanización do HULA. Ambas as entidades recibiron este mércores cadanseu cheque por importe de 9.087 euros.

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, participou no acto de entrega dos fondos e felicitou as entidades organizadoras por unha iniciativa que, segundo destacou, "pon a gastronomía ao servizo de dous proxectos que buscan mellorar a calidade de vida de persoas en situación vulnerable". O Goberno galego foi o principal patrocinador desta segunda edición.

A gala estivo promovida por Allentum, Atalaya Comunicación, Os Cachivaches, Kronos e o Restaurante España, e contou coa participación de cociñeiros e cociñeiras de prestixio da provincia de Lugo e do resto de Galicia.

No caso de Alume Saúde Mental, a achega destinarase ao proxecto "Menos soidade, máis vida", dirixido a persoas maiores de 60 anos con trastorno mental grave. A iniciativa busca reforzar os apoios que favorezan o seu benestar, autonomía e participación social.

Pola súa banda, a Área de Humanización do HULA empregará os fondos para impulsar "Murallalandia", un proxecto que pretende dotar o hospital dun parque terapéutico, inclusivo e cultural. O espazo estará situado na contorna da área de hospitalización pediátrica e busca favorecer a recuperación física e emocional dos nenos e nenas ingresados.

0.18413805961609