A Galería NÉBOA de Lugo presenta a exposición individual 'Canción de río' de Marina González

A Galería NÉBOA de Lugo presenta e acolle a exposición individual Canción de río, de Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992). A inauguración será este xoves, 12 de decembro, ás 19.30 horas.
Nesta mostra, comisariada por Laura Tabarés, a artista explora as interaccións entre a auga, o tempo e a memoria, empregando elementos como a cerámica, os azulexos e obxectos escultóricos para configurar un ecosistema poético e minucioso. Canción de río é unha cita imprescindible para achegarse ao universo creativo dunha das voces emerxentes máis destacadas da arte contemporánea galega.
Todas as persoas interesadas en ver esta exposición poderán facelo achegándose á Galería NÉBOA ata o vindeiro 8 de febreiro.
Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e conta cun Mestrado en Produción Artística pola Universidade Politécnica de Valencia. Entre as súas exposicións individuais máis destacadas atópanse: Esta orilla es fruto na Galería Rosa Santos (Madrid, 2023); Buen Camino en La Casa Encendida (Madrid, 2022); Behind each escapist dream there is the day-to-day to sustain en Bungalow, ChertLüdde (Berlín, 2021); Given Time en Intersticio (Londres, 2021); Una Promesa na Galería Rosa Santos (Valencia, 2020); LMXJVSD en Pols (Valencia, 2020); Work Hard, Dream Big na Internet Moon Gallery (2019); e Luchar, creer na Galería Adora Calvo (Salamanca, 2018).