A galería Néboa inaugura a exposición “Como atraer a luz e deixala dentro” de Pablo Quesada

LugoXa
A instalación, comisariada por Pedro Huidobro e realizada en colaboración co Colectivo ConTRoL, reflexiona sobre a luz e as formas de percibir o espazo
exposición-de-Pablo-Quesada-Néboa-Lugo
9 Jan 2026

O vindeiro sábado 10 de xaneiro, ás 12:00 horas, a galería NÉBOA abrirá ao público a exposición “Como atraer a luz e deixala dentro”, do artista Pablo Quesada. A mostra foi realizada en colaboración co Colectivo ConTRoL, integrado por Daniela Jándula e Mario Manso, e comisariada por Pedro Huidobro.

Trátase dunha instalación que propón unha reflexión sobre a luz e as distintas formas nas que esta se manifesta no espazo, asumindo unha representación da praxe artística contemporánea.

A exposición tamén busca invitar aos visitantes a cuestionar as formas de coñecer e percibir o seu entorno, xerando unha experiencia sensorial e conceptual que conecta arte e percepción.

VISITA DA XUNTA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitaron a galería Néboa, onde lembrou que apoia as mostras a través do convenio anual que mantén coa Asociación de Galerías de Arte de Galicia Contemporánea, un acordo dirixido a impulsar a dinamización comercial do sector. Ao longo de 2025, este respaldo permitiu exhibir na sala lucense o traballo de seis artistas galegos, nun espazo dirixido por Alba López.

Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude confirmouse que este convenio será renovado en 2026, co obxectivo de continuar apoiando a actividade expositiva das dez galerías asociadas, repartidas por diferentes cidades de Galicia.

Durante a visita, ambos responsables autonómicos puxeron en valor o papel destas galerías na difusión da arte e na dinamización económica da cultura, así como na promoción dos artistas galegos tanto dentro como fóra da comunidade. Neste sentido, lembraron que outra das liñas de apoio da Xunta ao sector está orientada a sufragar os gastos de participación en feiras de arte de ámbito estatal e internacional. No último ano, a galería Néboa beneficiouse destas axudas para asistir a ArteSantander e SwabBarcelona.

Ademais, a sala lucense participará na feira de arte Investec, que se celebrará do 20 ao 22 de febreiro en Ciudad del Cabo, en Sudáfrica, cun proxecto inédito da artista boirense Andrea Davila. A presenza de Néboa producirase na sección Tomorrows/Today, centrada en creadores emerxentes e comisariada por Mariella Franzoni. Esta cita internacional reunirá 126 expositores procedentes de 34 cidades de todo o mundo e dará visibilidade ao traballo de máis de 490 artistas.

⚙ Configurar cookies
0.079559087753296