A Garda Real escolle Lugo para o exercicio “Lugo 2026”, que combinará adestramento e actividades divulgativas

GaliciaXa | LugoXa
A provincia acollerá do 4 ao 10 de maio un programa da unidade militar centrado na instrución, a coordinación e o achegamento á cidadanía
Olimpia-López-coronel-Luis-Alfonso-Choya-xefe-da-Garda-Real-Lugo
29 Apr 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, recibiu ao novo xefe da Garda Real, o coronel Luis Alfonso Choya, no marco da colaboración para a organización das actividades que este corpo militar desenvolverá na provincia a comezos de maio con motivo do exercicio “Lugo 2026”.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo tamén un encontro propio co coronel xefe da Garda Real na Delegación Territorial, dentro das reunións de coordinación institucional para o despregue do dispositivo.

A Garda Real levará a cabo entre o 4 e o 10 de maio o exercicio “Lugo 2026”, unha iniciativa que combinará instrución e adestramento cun forte compoñente divulgativo e institucional, co obxectivo de achegar á cidadanía o funcionamento da unidade e reforzar a súa imaxe de proximidade, servizo e excelencia.

A programación mobilizará máis de 500 efectivos e máis de 35 vehículos, ademais de 15 motocicletas Harley Davidson, 64 cabalos e 12 cans, coa participación de todas as unidades da Garda Real, incluíndo a súa Xefatura e o Estado Maior, os grupos de Honras e Escoltas, a Unidade de Música e un grupo mixto de loxística e apoio.

Ao longo dos días previos e durante o exercicio desenvolveranse actividades en distintos puntos da provincia. Entre elas, unha mostra de material e uniformes históricos e contemporáneos no Círculo das Artes de Lugo, do 30 de abril ao 9 de maio; unha exposición dinámica no Pazo de Feiras e Congresos o 8 de maio; un concerto da Unidade de Música na praza de Santa María o 9 de maio; e unha xura de bandeira para persoal civil no parque Rosalía de Castro o 10 de maio, que pechará o programa.

O Círculo das Artes acollerá este xoves, 30 de abril, unha rolda de prensa na que a Garda Real presentará os detalles da súa presenza en Lugo e inaugurará a primeira exposición.

0.15125298500061