A Hedreira organiza en Lugo unha charla e degustación de tortas elaboradas con landras

LugoXa
A actividade celebrarase este xoves 26 de novembro, ás 19.30 horas, e permitirá descubrir as posibilidades gastronómicas deste froito silvestre e aprender a incorporalo á alimentación
landras-bellotas
25 Nov 2026

O centro social A Hedreira de Lugo acollerá este xoves 26 de novembro, ás 19.30 horas, unha charla-degustación de tortas elaboradas con landras, unha actividade coa que se pretende dar a coñecer as posibilidades culinarias deste froito e recuperar o seu aproveitamento na alimentación.

Durante a sesión, as participantes poderán descubrir como transformar as landras nun alimento apto para o consumo humano e coñecer diferentes formas de incorporalas á cociña. Este froito dos carballos, sobreiras e outras especies do xénero Quercus foi tradicionalmente aproveitado en distintas culturas, tanto para alimentar o gando como para elaborar fariñas e outros produtos destinados ao consumo humano.

As landras destacan polo seu contido en hidratos de carbono, fibra e graxas, aínda que a súa composición varía segundo a especie. Para o seu consumo é necesario un tratamento previo que permita reducir os taninos, responsables do seu sabor amargo. Unha vez preparadas, poden moerse para obter fariña e empregarse na elaboración de pans, doces e outras receitas.

A proposta de A Hedreira busca así achegar ao público un recurso natural e pouco habitual na alimentación actual, ao tempo que pon en valor os coñecementos tradicionais e as posibilidades gastronómicas dos froitos do bosque.

0.16740107536316