A Hedreira programa danza, cinema, memoria colonial e gastronomía para novembro

O Centro Social A Hedreira de Lugo prepara unha programación de actividades para o mes de novembro que combinará propostas culturais, artísticas, divulgativas e gastronómicas.
A primeira cita será o venres 6 cun obradoiro de danza-teatro titulado 'En movemento', para o que será necesaria inscrición previa a través da páxina web do centro, ahedreira.org.
O venres 13 haberá dúas actividades. Ás 19:00 horas celebrarase un cinefórum arredor do documental 'El Problema-Testimonio del Pueblo Saharaui', de Jordi Ferrer e Pablo Vidal. Xa ás 21:30 horas terá lugar unha cea vegana, que require inscrición previa no enderezo csahedreira@riseup.net.
A programación continuará o sábado 21, ás 12:00 horas, coa presentación de dous proxectos de investigación e memoria colonial: 'A Coruña porto negreiro' e 'Mulleres negras que cambiaron o mundo'. A sesión contará coa participación da investigadora Zinthia Álvarez Palomino.
Por último, o xoves 26, ás 19:30 horas, A Hedreira organizará unha 'Merendola con Landras', unha actividade que incluirá unha charla sobre o uso das landras na alimentación humana e unha degustación de pan e tortas elaboradas con este froito.