A Holi Run volve encher de cor as rúas de Lugo para reivindicar a inclusión

LugoXa
A iniciativa solidaria reuniu persoas usuarias, familias e participantes nun percorrido polo centro da cidade que combinou deporte, convivencia e diversión
Holi-Run-aspnais-2026-po-aire
13 Sep 2026

As rúas do centro de Lugo enchéronse este sábado de cor coa celebración da segunda edición da Holi Run de Aspnais, unha iniciativa solidaria que tivo como principal obxectivo reivindicar a inclusión das persoas con discapacidade intelectual a través dunha xornada aberta á convivencia e á participación.

A actividade comezou nas instalacións de Aspnais, con apertura de portas ás 17.30 horas e saída ás 18.30. Desde a rúa Santiago, os participantes iniciaron un percorrido que atravesou algúns dos puntos máis céntricos da cidade.

A ruta continuou pola Ronda da Muralla, Porta de Santiago, Bo Xesús, praza de Santa María e praza Maior, pasando posteriormente pola contorna da Casa do Concello. O itinerario seguiu por Bispo Aguirre, novamente pola Ronda da Muralla, rúa Vilalba, avenida Rodríguez Mourelo e praza de Avilés ata chegar ao parque Rosalía de Castro, onde se realizou unha volta polo seu interior.

Desde alí, os participantes continuaron por Pascual Veiga, a rampa e a rúa Frei Plácido Lemos antes de regresar ás instalacións de Aspnais.

A proposta contou con dúas modalidades. A andaina completou un percorrido de preto de dous quilómetros, mentres que os participantes na carreira realizaron unha segunda volta ao circuíto ata sumar aproximadamente catro quilómetros. Tanto unha modalidade como a outra finalizaron na sede da entidade.

Máis alá da vertente deportiva, a Holi Run buscou crear un espazo de encontro entre as persoas usuarias de Aspnais, as súas familias e o conxunto da cidadanía. A programación incluíu ademais diferentes sorpresas e unha gran discoteca móbil para completar a xornada festiva.

Na actividade participou tamén o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración anual de 5.000 euros con Aspnais para o seu programa de intervención psicolóxica e ten cedidas á asociación as antigas instalacións do hospital San Xosé.

 

⇒REPORTAXE

0.14645504951477