A hostalería de Lugo reclama participar na ordenanza acústica e retomar a regulación das terrazas

LugoXa
A Asociación Provincial de Hostalería trasladou a Elena Candia as principais demandas do sector nun encontro no que tamén se abordaron a seguridade, o taxi e a Zona de Baixas Emisións
Reunión-APEHL-Concello-de-Lugo
2 Oct 2026

A Asociación Provincial de Hostalería de Lugo reclamou unha maior participación do sector na elaboración da ordenanza de contaminación acústica e a actualización da normativa que regula as terrazas durante unha reunión coa alcaldesa da cidade, Elena Candia. O encontro, celebrado no Concello a petición da entidade, serviu tamén para abordar outras cuestións relacionadas coa actividade hostaleira, como a seguridade, a mobilidade e a convivencia.

A presidenta da asociación, Cheché Real, acudiu á reunión acompañado polos membros da directiva Juan Agra, Jacobo García, José Luis Fernández e Manuel Fernández, nunha primeira toma de contacto formal co actual goberno municipal.

Un dos principais asuntos tratados foi a ordenanza de contaminación acústica. A asociación solicitou que os profesionais da hostalería poidan participar activamente na súa elaboración e trasladar as súas propostas antes de que se avance na tramitación. Segundo expuxo a entidade, cando se presentou o documento, o sector non tivera acceso previo ao seu contido nin a oportunidade de formular achegas, polo que considera necesario habilitar vías de diálogo que permitan incorporar a súa perspectiva.

En materia de seguridade e convivencia, a directiva amosou a súa disposición a colaborar co Concello no control dos establecementos que poidan ocasionar problemas e expresou o seu apoio á instalación de cámaras de vixilancia en puntos conflitivos da cidade. A asociación defendeu a necesidade de actuar sobre os locais que incumpran a normativa, diferenciando estas situacións do funcionamento habitual do conxunto da hostalería.

A regulación das terrazas foi outro dos temas centrais do encontro. A entidade considera necesario retomar a ordenanza municipal para revisar e actualizar as condicións de instalación e ocupación do espazo público, incluídos aspectos como os materiais empregados, as distancias e outros requisitos. O obxectivo é dispoñer dunha normativa clara que dea resposta tanto ás necesidades dos negocios como á organización dos espazos urbanos.

A reunión tamén permitiu analizar a situación do servizo de taxi en Lugo e a necesidade de incrementar o número de vehículos dispoñibles para atender a demanda. Neste ámbito, o Concello xa está a traballar na ampliación das licenzas para aumentar a oferta e mellorar a prestación do servizo.

Ademais, a Asociación Provincial de Hostalería e o goberno local abordaron o funcionamento da Zona de Baixas Emisións (ZBE) e as repercusións que a súa aplicación pode ter sobre os establecementos do sector.

Pola súa banda, Elena Candia incidiu na importancia de manter unha interlocución directa coa hostalería para coñecer as súas necesidades e analizar as cuestións que condicionan o desenvolvemento da actividade económica e a convivencia na cidade. A rexedora agradeceu á asociación a súa disposición ao diálogo, as propostas trasladadas e a vontade de colaboración manifestada durante o encontro.

0.14960503578186