A I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural celébrase en Lugo este venres

LugoXa
O Campus Terra da USC, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo únense para celebrar I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural
Feira Outono portada
26 Oct 2022

O Campus Terra da USC promove xunto co Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo a celebración da I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural, unha xornada divulgativa que se desenvolverá este venres 28 de outubro na Praza de Abastos, localizada na Rúa Quiroga Ballesteros, e a través da que se pretende facer visible o peso das mulleres no emprendemento rural.

O reitor da USC, Antonio López, presidirá a sesión de apertura deste evento ás 9.30, no marco dunha sesión conducida pola responsable do programa Woman Emprende da USC, Eva López Barrio, e na que tamén intervirán a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial delegada da área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a directora Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao Rodríguez.

A I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural desenvolverase de xeito presencial desde as 9.30 ata as 20.30, aínda que tamén contará con retransmisión por streaming, a fin de facer accesible a todo o público interesado os debates e os testemuños de todas as persoas convidadas a tomar parte nos diferentes coloquios programados.

A xornada, a través da que se busca tamén poñer en valor o cometido que a USC e tamén as institucións públicas deben xogar para fomentar o desenvolvemento rural a través da pegada de emprendedoras, contará tamén con espazos expositivos nos que unha vintena
de empresas e iniciativas de negocio lideradas por mulleres presentarán os produtos e servizos que ofrecen.

Estruturada en mesas de debate e obradoiros participativos, o programa da I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural comezará ás 10.00 cunha sesión sobre experiencias de emprendedoras rurais, no marco da que a directora de campo do Grupo Leite Río, Cristina Dopico; a presidenta do GDR-Terra Chá, Fe Legaspi; a CEO de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea, Idoia Cuesta; a CEO de Mi Tesoro, Virginia Mateos; a copropietaria de Adegas Moure, Paloma Rodríguez Moure, e a copropietaria de Traloagro, Isabelle Gómez Rodríguez, darán conta dos seus respectivos testemuños.

A investigación universitaria na contorna rural dará continuidade ao programa cun coloquio no que participarán como relatoras as CEO de TasteLab e IBoneLab, Maruxa Quiroga e María Permuy, respectivamente, ademais de Begoña Jiménez, Nuria Varela Portas e Marta Álvarez, que, á súa vez, son co fundadoras de Timbersoul by Cándido Hermida, Pazo de Vilane e Muuhlloa. Un obradoiro de maridaxe científico con Sensesbit by TasteLab, e a sesión de iniciación á cata Mulleres e viño na Ribeira Sacra, a cargo da sumiller Isabel Lozano, pecharán o programa matinal.

A I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural continuará en quenda de tarde, a partir das 16.30, con tres obradoiros sobre deseño dunha horta, a cargo do GDR-4; Moda Upcycling, guiado por Karol Farias, CEO de Aobá Upcycling, e cerámica, impartido por María Sánchez, de Ceniza de Papel. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira; a deputada provincial delegada da área de Muller e Igualdade, María Loureiro, e a concelleira de Igualdade e Muller do Concello de Lugo, Silvia Alonso, clausurarán esta xornada divulgativa sobre emprendemento feminino na contorna rural a partir da 18.30 horas.

Feira Outono
0.16341996192932