A II Carreira Solidaria Aspnais-Holi Run obrigará a cortar o tráfico no centro de Lugo este sábado

O Concello de Lugo informa das afeccións á mobilidade previstas para este sábado, 12 de setembro, con motivo da celebración da "II Carreira Solidaria Aspnais-Holi Run", unha proba deportiva que terá a súa saída ás 18:30 horas desde as instalacións do Centro ASPNAIS e que contará cunha duración estimada de 55 minutos.
Para garantir a seguridade dos participantes e do público, o Concello deseñou un plan de tráfico que contempla cortes de circulación xeneralizados ao longo do percorrido entre as 18:20 e as 19:45 horas. O tráfico será restablecido de maneira coordinada pola Policía Local e a organización a medida que avance a proba e, en particular, cando o último corredor ou corredora da segunda volta acceda ao Parque de Rosalía de Castro.
O circuíto afectará a diferentes rúas do centro da cidade. Os cortes abranguerán a rúa Santiago, a Ronda da Muralla, Porta de Santiago, Bo Xesús, praza de Santa María e praza Maior, incluíndo a zona de subida, a contorna da Casa do Concello e a baixada.
A continuación, a carreira continuará pola rúa Bispo Aguirre, Ronda da Muralla, rúa Vilalba, avenida Rodríguez Mourelo, praza de Avilés e o interior do Parque de Rosalía de Castro. O percorrido seguirá polo acceso a Pascual Veiga, a baixada da Rampa e a rúa Frai Plácido Rei Lemos, ata completar o circuíto e afrontar a segunda volta.
Durante o desenvolvemento da proba, o acceso rodado permanecerá cortado nas vías afectadas, polo que o Concello recomenda aos condutores planificar os seus desprazamentos con antelación e respectar tanto a sinalización circunstancial como as indicacións da Policía Local e do persoal da organización.
Restricións de estacionamento
As afeccións comezarán antes dos cortes de tráfico coa prohibición de estacionar en varias zonas entre as 16:00 e as 20:30 horas do sábado.
En concreto, non se poderá aparcar en ambas as marxes da calzada da rúa Frai Plácido Rei Lemos. Na praza de Avilés quedarán libres as prazas de estacionamento situadas nas proximidades da entrada do Parque de Rosalía, mentres que na avenida Rodríguez Mourelo a restrición afectará á marxe dereita segundo o sentido de circulación actual.
Co obxectivo de minimizar os inconvenientes, a organización colocará carteis informativos nos vaos e nas zonas afectadas con polo menos dous días de antelación.
A celebración da carreira tamén implicará habilitar unha zona acoutada e valada na praza Maior, xunto á entrada do pasadizo do xadrez, para o despegue e aterraxe de drons. Este espazo estará operativo a partir das 17:00 horas.
O Concello de Lugo solicita a colaboración da cidadanía para facilitar o desenvolvemento da cita solidaria e agradece aos condutores que teñan en conta as restricións previstas durante a tarde do sábado.