A II Feira do Libro de Outeiro de Rei encheu o municipio de cultura e participación

LugoXa | TerraChaXa
Centos de persoas participaron nunha xornada con autores, obradoiros, música, actividades familiares e a actuación final do mago David Méndez
Feira-do-Libro-de-Outeiro-de-Rei-2026
17 Apr 2026

A II Feira do Libro de Outeiro de Rei, organizada polo CEIP Laverde Ruiz e o Concello de Outeiro de Rei, rexistrou un notable éxito de participación, tanto de público infantil como adulto, consolidándose como unha cita cultural destacada no municipio.

As impulsoras do evento, Sandra Álvarez, coordinadora da biblioteca escolar, e Elvira Cerdeira, membro da biblioteca, salientaron o bo ambiente e a elevada asistencia ao longo de toda a xornada, na que se sucederon centos de persoas que se achegaron para desfrutar das distintas actividades programadas.

A mañá estivo dedicada especialmente ao alumnado máis novo. Os nenos e nenas de Infantil gozaron dun concerto de Paco Nogueiras, mentres que a paradelense Estefanía Padullés ofreceu un contacontos para o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria. Posteriormente, desenvolvéronse dous obradoiros simultáneos, un de concepto circo e outro impartido por Pablo Otero, dirixidos ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria.

Pola tarde, a feira continuou coa presenza de escritoras e escritores que asinaron exemplares das súas obras, acompañados de actividades paralelas como pintacaras e propostas de e-textil. Participaron autores como Jordi Cicely, Lucía Lago, Sonia Arias, Estefanía Padullés e Ivet Núñez, ademais dun obradoiro de teatro en inglés. Máis tarde, ás 17.00 horas, interviñeron Lucía Vázquez, Ana Meilán e Francisco Narla, mentres Jordi Cicely impartía un obradoiro de escritura creativa.

Ás 18.00 horas chegou unha nova quenda de sinaturas con Lola Cabrillana, Abril Camino, Marta Villar, Rober Cagiao e María Nieto. Neste contexto, membros da directiva da asociación de integración xitana de Lugo asistiron ao encontro e tiveron a oportunidade de coñecer a Lola Cabrillana, autora de etnia xitana e supervivente, nunha cita de especial simbolismo.

Ademais da actividade literaria, a feira contou coa participación de cinco librarías de Lugo cidade, Rábade e Castro de Rei, así como postos de scrap que contribuíron a dinamizar a xornada.

A programación pechouse ás 19.15 horas cun sorteo de bonos do Concello e rematou cunha actuación do Mago David Méndez, que puxo o broche final a unha intensa xornada cultural.

0.12624478340149