A III Milla Urbana Lucus levará o atletismo ao corazón do San Froilán o 10 de outubro

LugoXa
A proba, organizada polo Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega, reunirá competicións desde a categoría sub-8 ata a Élite e incluirá tamén unha Milla Popular
Milla-Urbana-Atletismo-Lugo-26
3 Oct 2026

A contorna da Horta do Seminario converterase o sábado, 10 de outubro, nun escenario para o atletismo coa celebración da III Milla Urbana Lucus, unha proba organizada polo Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega no marco das festas do San Froilán.

A xornada desenvolverase durante o mediodía e incluirá diferentes carreiras destinadas ás categorías de formación, desde sub-8, ata a categoría Élite, tanto masculina como feminina. O programa completarase coa celebración dunha Milla Popular, aberta á participación cidadá.

As inscricións para as categorías de menores e para a Milla Popular permanecerán abertas ata o xoves, 8 de outubro, incluído.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes, Efrén Castro, participou na presentación da proba e destacou a súa particularidade ao situar "no epicentro do San Froilán unha distancia emblemática do atletismo como é a milla". Neste sentido, sinalou que se trata dunha cita que pode resultar atractiva tanto para a cidadanía que estea a gozar das festas como para as persoas que se acheguen especificamente para presenciar as competicións.

Castro puxo tamén en valor o traballo desenvolvido polo Club Atletismo Lucus Caixa Rural Galega e o seu esforzo para achegar o atletismo á cidadanía, tanto coa organización deste evento como coa actividade que desenvolve ao longo do ano a través da súa escola de atletismo.

0.15121102333069