A incidencia da covid dispárase novamente en toda a provincia
A situación na provincia disparouse novamente na xornada de hoxe con 156 casos activos máis que fan un total de 1.954 (na xornada anterior foron 67). Rómpese deste xeito coa tendencia á estabilización das últimas xornadas.
Rexistráronse neste tempo 184 contaxios novos (onte foron 91), o máis alto que acaba tamén coa tendencia á estabilización das xornadas anteriores. Pola contra, as altas chegaron ás 7.556, 55 máis que o martes (o día anterior foron 47).
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 9.680 casos rexistrados e 162 persoas falecidas contabilizadas na provincia aínda que hai máis que morreron noutras áreas tras seren trasladados.
Continúa a preocupar a presión hospitalaria, que aumenta un día máis pero esta vez pouco. A UCI do Hula mantense en 15 ingresados, mentres nas plantas suman un caso novo ata os 58 de hoxe. Hai 29 no hospital de Lugo, 17 na Mariña (2 menos) e 11 en Monforte (3 máis).
Nun percorrido pola provincia, a incidencia do virus máis elevada está en Viveiro, Xove e Burela na Mariña; Vilalba na Terra Chá; Lugo, Monforte e Sarria.
POR COMARCAS
A Mariña
A situación na Mariña está en clara melloría nos concellos máis afectados co descenso de casos.
- Malia mellorar nas últimas xornadas, Viveiro suma hoxe un caso e son 214 casos.
- Xove contninúa en retroceso 75, dous menos.
- Burela tamén baixa dende onte seis casos e queda en 45.
- No Vicedo rebaixan a incidencia levemente ata os 34 de hoxe.
- Cervo mantense en 22.
- Ribadeo tamén suma un caso e queda en 25.
- Foz baixa 2 e certifica 10.
- Riotorto mantense en 14 con vixilancia.
- Só Alfoz non ten casos novos nos últimos quince días.
Terra Chá
Vilalba continúa imparable no seu crecemento de casos mentres A Pastoriza segue na senda da recuperación. Tamén os concellos dos arredores manteñen unha incidencia menor pero preocupante.
- Vilalba suma hoxe seis casos novos ata os 121.
- A Pastoriza baixa ata 22, con 7 casos menos.
- Outeiro de Rei suman un máis e certifca 16 infectados dende onte.
- Begonte suma catro casos novos e ponse en 17.
- Castro de Rei mantense en 11.
- Friol sobe de novo e volve a 12 casos.
- No veciño Concello das Pontes acelérase o goteo de casos novos e xa son 46, un máis que onte.
Centro da provincia
O municipio de Lugo é o máis castigado pola pandemia e volve experimentar un salto no crecemento constante de casos.
- Lugo conta con 354 casos, 37 casos máis que onte, onte sumou 19.
- Palas de Rei segue a tendencia ao crecemento con seis casos novos e un total de 54.
- Tamén en Monterroso soben un caso máis e xa son 11.
- E no Corgo soben 1 e chegan a 12.
Comarca de Sarria
A vila de Sarria segue en crecemento de casos afectando a algúns dos concellos da contorna.
- Sarria conta con 152 casos activos, 6 casos máis que onte.
- O mesmo gromo de Sarria repercutiu en Láncara, que ten 20 casos.
- Entra tamén na zona de perigo Paradela, con 14 casos.
- Tamén volveu a atención ao Incio, onde hai 11 casos, un máis que onte.
Ribeira Sacra
Monforte centralizada o volumen na comarca, tamén con repercusións nos municipios do arredor.
- A vila de Monforte contabiliza hoxe 191 casos, 13 casos máis que onte.
- Preocupa a situación en Quiroga, onde hai 95 casos e continúan acelerando o contaxio, trece máis que onte.
- Chantada ten 43, cinco máis que onte.
- O Saviñao é outro dos afectados con 28 casos, un máis.
- Pantón sobe 2 casos ata 23.
- Ribas de Sil debuta con 15 casos.
- Bóveda e Sober mantéñense en 12.