A Inspección de Traballo abre un expediente sancionador contra Carrefour Lugo por abuso de contratación temporal

A Inspección de Traballo vén de abrir un procedemento sancionador contra Carrefour Lugo tras constatar o uso irregular de contratos temporais para cubrir postos de traballo de carácter estrutural. A actuación prodúcese a raíz das denuncias presentadas pola sección sindical da CIG, que leva anos denunciando a fraude na contratación neste centro.
A investigación centrouse en trece contratos concretos, aínda que desde a CIG deixan claro que o seu obxectivo é que a empresa transforme en indefinidos todos os contratos en fraude, e non só uns poucos. Desde o sindicato critican a política de contratación de Carrefour, que “obriga a ter que acudir de forma permanente á Inspección de Traballo para regularizar os contratos do persoal”.
A resolución emitida pola inspectora confirma que a práctica habitual da empresa consiste en empregar contratos temporais modificando artificialmente a súa causa —como campañas ou feitos promocionais— cando en realidade estes contratos encobren postos que se manteñen durante todo o ano. Esta estratexia, segundo sinala a Inspección, incumpre claramente a normativa laboral ao cubrir postos estruturais con traballadores temporais.
Desde a CIG destacan que a estabilidade no emprego só é posible grazas á presión e ás denuncias continuadas das súas delegadas e delegados. “A pesar dos beneficios millonarios que obtén, Carrefour segue maltratando ao seu persoal, forzándoo a encadear contratos precarios e a vivir na incerteza constante”, denuncian.
Ademais, o sindicato galego avanza que continuará denunciando todas as irregularidades na contratación e os abusos laborais no sector da alimentación, un ámbito altamente feminizado, cunha elevada taxa de temporalidade, parcialidade e xornadas irregulares. Tamén denuncian que, en moitos casos, nin sequera se paga o traballo realizado en domingos e festivos.