A intelixencia artificial e a inclusión centran unhas xornadas de Xustiza e Diversidade con máis de 150 inscritos

LugoXa
O Vello Cárcere acolle un encontro sobre o potencial da robótica e a domótica para mellorar a autonomía persoal, así como sobre a violencia de xénero e a discapacidade
edificio-O-Vello-Cárcere-Lugo-portada
22 Oct 2026

A intelixencia artificial pode contribuír a eliminar barreiras e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Este será un dos eixes das V Xornadas Xustiza e Diversidade, organizadas pola UNED Lugo e a Asociación Xustiza e Diversidade, que xa superan as 150 persoas inscritas.

O encontro celebrarase este xoves 22 de outubro, a partir das 18:00 horas, no salón de actos de O Vello Cárcere de Lugo. As persoas interesadas tamén poderán seguir as intervencións en directo a través da canle de YouTube da UNED.

Baixo o lema "Xustiza e Innovación Inclusiva", a iniciativa analizará como as novas tecnoloxías poden favorecer a accesibilidade e a igualdade de oportunidades, ao tempo que abordará os retos sociais e xurídicos que afectan os colectivos máis vulnerables.

O programa comezará ás 18:00 horas coa intervención de Roberto Barba Alvedro, maxistrado e director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, que tratará a relación entre violencia de xénero e discapacidade e a necesidade de ofrecer respostas específicas para garantir a protección e os dereitos das vítimas.

Ás 19:00 horas será a quenda de Sonia Valladares Rodríguez, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial. A súa intervención centrarase nas posibilidades da intelixencia artificial, a robótica e a domótica social para reforzar a autonomía persoal, facilitar as tarefas cotiás e avanzar cara a unha sociedade máis accesible.

As xornadas están dirixidas por Adriano Jacinto Alfonso Rodríguez, doutor en Dereito, xuíz, mediador e profesor titor da UNED Lugo, e Pilar García-Puertas Taboada, presidenta da Asociación Xustiza e Diversidade.

A participación de máis de 150 persoas reflicte o interese por cuestións nas que conflúen a xustiza, os dereitos fundamentais e a innovación tecnolóxica. A actividade conta coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e O Vello Cárcere.

0.1612868309021