A IV edición do Festival de Poesía das Lupercais contará con grandes figuras da poesía luguesa

A IV edición do Festival de Poesía das Lupercais terá lugar no Vello Cárcere de Lugo o vindeiro tres de maio, consolidándose como unha das citas máis importantes de poesía de Lugo.
Organizada pola Asociación Poética das Lupercais co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, contará con versos procedentes da provincia, como Martiño Maseda, da Chaira; Toño Núñez, da Montaña; Tere Larios, Mónica Raquel Vázquez, Mariña Pérez Rei ou Jose González.
"Voces e balbucios, coma a poesía para ouvir e mirar de Luz Pichel e Quico, e coas que repensar as fronteiras e os mares que xunten e non separen, aí María Ángeles Pérez López e Gian Pierre Codarlupo e Marcelo Morales. Así, dende Cuba a Castela, dende Perú á Ribeira Sacra, chegarán ao Vello Cárcere un ano máis algunhas das máis importantes voces da poesía contemporánea", explican desde a asociación.
O programa desenvolverase nunha sesión de mañá e dúas de tarde. Así, comezará ás 12.30 horas con Toño Núñez, Marcelo Morales, Tere Larios e Raquel Vázquez; mentres que á tarde, a partir das 18.30 horas será a quenda de Martiño Maseda, Quico, Gian Pierre Codarlupo e Mariña Pérez Rei; e ás 19.30 horas rematarán Jose González, Luz Pichel, María Ángeles Pérez López e Mónica Caldeiro.