A IX Limpeza Simultánea de Praias xuntará unhas 200 persoas nos areais galegos

TerraChaXa | LugoXa
14 Out 2020

A próxima fin de semana (os días 16, 17 e 18 de outubro), máis de 20 entidades colaborarán nesta novena edición da Limpeza de Praias, entre as que se atopan centros de ensino, asociacións ecoloxistas, culturais, do mar, concellos, escolas de surf, e particulares, que non queren perder a oportunidade de axudar ao noso litoral.

Estre eles estarán o colectivo da Aula Universitaria de Foz e o IES María Sarmiento e a Peña Ciclista Lar de Viveiro.

Esta actividade consiste en congregar a un mesmo tempo nas praias galegas centos de voluntarios e voluntarias que queiran participar na retirada do lixo que acaba nas praias co gallo de concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos.

O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, a mala xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en xeral.

A previsión do tempo parece que non está clara para eses días pero agardan que a choiva nos dea unha tregua para poder realizar esta actividade tan necesaria. Recordamos que a finalidade desta iniciativa non é deixar a praias sen ningún residuo, senón visibilizar o impacto ambiental que a actual cultura de consumo de “usar e tirar” xera nos nosos areais. Desde ADEGA, volvemos a salientar con esta actividade que a Educación Ambiental é unha ferramenta moi útil para desenvolver accións de concienciación no medio natural.

BARREIROS. 

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza celebra este  ano 2020 a novena edición da Limpeza Simultánea de Praias, unha actividade de voluntariado  ambiental consistente na limpeza colectiva e reivindicativa en varias praias das tres provincias  costeiras galegas. Ao tempo que se retiran parte dos residuos presentes nos areais, faise unha  chamada de atención sobre a problemática do lixo mariño. A actividade terá lugar o vindeiro sábado,  17 de outubro, á que se sumarán as delegacións de ADEGA en Lugo e na Mariña para coordinar a  recollida manual de lixo na praia de Arealonga (concello de Barreiros). Está previsto que as tarefas  de limpeza se desenvolvan entre as 11 a 14h. 

As persoas que queiran participar, deberán anotarse, chamando ao 982 240 299 / 677 800 293, ou  enviando un correo electrónico ao enderezo adegalugo@adega.gal co seu nome completo,  documento de identidade e un teléfono de contacto. 

O punto de encontro terá lugar ás 11:00h da mañá, na explanada que hai en fronte do restaurante  “La Yenka” (Estrada da Praia, 32). Será preciso levar calzado axeitado, preferentemente impermeable,  e luvas para unha maior seguridade durante a recollida.

0.16307806968689