A librería Trama acolle a presentación de 'Ausentes', un libro sobre a emigración galega
Mañá martes 14 de febreiro a librería Trama acolle a presentación do libro Ausentes do autor Afonso Eiré.
A presentación terá lugar ás 19.00 e contará coa participación de Francisco Rodríguez, presidente de Hercules de Ediciones e con Afonso Eiré autor do libro.
Ausentes é o libro global sobre a emigración galega, non só son as historias dos que marchan aos distintos países de América, de Europa ou do estado español, senón tamén dos que quedan. Todos sofren de Ausencia.
O retrato dos esquecidos, dos que triunfaron, dos que quedaron na diáspora e dos que regresaron, ricos ou pobres.
Un libro coral relatado en primeira persoa, onde os datos son certos, como sempre neste autor, que nos fala tamén daqueles que verdadeiramente se lucraron do gran negocio da emigración e onde se analiza o que esta supuxo para Galicia á luz das últimas investigacións.