A Lugo en Marcha contra o Cancro celébrase o 25 de abril cunha andaina pola Muralla e unha carreira de 5 km

A Asociación Española Contra o Cancro en Lugo presentou a sétima edición de “Lugo en Marcha contra o Cancro”, unha actividade lúdico-deportiva que se celebrará o sábado 25 de abril na Praza da Horta do Seminario.
O evento contará con dúas modalidades de participación: unha andaina polo adarve da Muralla, que dará comezo ás seis da tarde e estará aberta a todas as idades, e unha carreira de 5 km para adultos, ademais de carreiras infantís, que se desenvolverán a partir das sete da tarde. Tanto a saída como a chegada estarán situadas na Praza da Horta do Seminario.
A iniciativa ten como obxectivo concienciar sobre a importancia dun estilo de vida saudable para a prevención do cancro, baseado nunha alimentación equilibrada e na práctica regular de actividade física, ademais de visibilizar o compromiso da provincia de Lugo na loita contra esta enfermidade.
Como incentivo á participación, todas as persoas inscritas entrarán automaticamente no sorteo de 12 cubrecamisetas do Club Baloncesto Breogán asinados polos xogadores do equipo.
A recollida de dorsais e camisetas realizarase o venres 24 de abril de 16:00 a 19:30 horas e o sábado 25 de abril de 11:00 a 13:30 horas na sede da Asociación, no Carril dos Loureiros 17. Xa o sábado pola tarde poderá facerse tamén a partir das 15:00 horas na Praza da Horta do Seminario.
Os prezos das inscricións varían segundo a categoría. A carreira para menores terá un custo de cinco euros e a carreira de 5 km para adultos de dez euros. No caso da andaina, o prezo será de cinco euros para menores e dez euros para adultos.
As persoas que desexen colaborar pero non poidan participar terán a opción de realizar un dorsal cero, é dicir, unha inscrición solidaria mediante unha doazón voluntaria.
Todo o recadado destinarase a mellorar a vida das persoas con cancro e das súas familias, así como a impulsar a investigación oncolóxica, co obxectivo de acadar unha taxa de supervivencia do 70% no ano 2030.