A Manconunidade participou nunha reunión xunto aos xeodestinos de Galicia
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, participou nunha reunión telemática xunto aos demais xeodestinos de Galicia coa directora de Turismo para valorar a situación actual. A entidade mariñá traballa dende o inicio desta crise nun plan de acción post Covid-19 para o sector turístico.
O presidente da Mancomunidade de Concellos incide en que a prioridade son as medidas sanitarias e sociais ante a crise económica asociada á pandemia. Sen embargo, considera que “non podemos quedarnos atrás e temos que deseñar e impulsar o sector do turismo no novo escenario, xa que é un motor económico fundamental para A Mariña Lucense.”
Fran Cajoto participou nas últimas horas nunha reunión telemática coa directora de Turismo, Nava Castro, xunto aos demais xeodestinos de Galicia, onde se presentaron as actuacións realizadas ata o momento pola Xunta con repercusión no sector turístico. Algunhas das cuestións trasladadas pola directora de Turismo foron, por exemplo, como o sector do turismo é o que mais está a sufrir a crise sanitaria -un 30% dos ERTES están vinculados ao sector- ou a posta en marcha dunha nova liña de financiamento para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos a través do IGAPE e con custe cero. Os interesados poden informarse na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria na sección Coronavirus – Axudas Económicas. Así mesmo, a directora de Turismo comentou recomendar aos distintos establecementos de hostalaría que non dispoñan de medidas de protección, coma mamparas, que estean á espera que se publiquen os manuais de medidas hixiénico-sanitarias proximamente. Por outra banda, trasladou que dende a comunidade autónoma fixéronlle chegar ao Estado medidas necesarias recollidas da man do sector e á Ministra de Turismo a importancia de garantir a liquidez e a viabilidade das empresas e de programar accións que permitan recuperar con rapidez a confianza en España coma destino.
O presidente da Mancomunidade interviu para comentar varias cuestións que lle preocupan ao ente, coma saber que vai acontecer coas axudas aos xeodestinos e poder coñecer, canto antes, si se van poder axustar á realidade actual as accións propostas na memoria presentada polo xeodestino en febreiro, cando a situación era totalmente distinta. “E é que, non ter a seguridade a día de hoxe de si isto vai ser posible, dificulta moito ir preparando accións con certa tranquilidade que faciliten a reactivación da actividade en canto sexa posible”, sinalou Cajoto. Por outro lado, tamén se preguntou polas subvencións a municipios turísticos e xeodestinos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo así coma polo resto de subvencións en materia de turismo, “e propúxose que se poida recuperar o tempo de contratación que se vaia perder desta axuda para a contratación de persoal polos posibles atrasos así como apostar pola profesionalización e que se permita contratar, ademais de persoal para información turística, outros perfís para o deseño de produtos e estratexias adaptados aos novos tempos e ao turismo sostible, que faciliten facer fronte á crise aos concellos e ao xeodestino”, engadiu Fran Cajoto.
A Mancomunidade traballa, dende o inicio da crise e a pesar da incertidume e mesmo ante a falta de datos concretos que posibilite anticipar escenarios, no deseño dunha serie de accións post Covi-19 para a reactivación do sector unha vez que a evolución da pandemia o permita e dentro das súas posibilidades, ao non ter, entre cousas, certeza do que acontecerá coas axudas das que depende o ente xestor do xeodestino.
O presidente da Mancomunidade indicou que “o ente supramunicipal baralla unha serie de accións a levar a cabo que permitan e axuden á reactivación do sector turístico unha vez que a evolución da pandemia o permita. Tendo en conta que esta crise, entre outras cousas, está facendo ao sector repensar o modelo e os produtos turísticos, baseando estas cuestións, entre outras, na limitación de aforos, na seguridade e hixiene, na colaboración público-privada e entre administracións, no turismo de proximidade, na consecución dos obxectivos ODS e nun turismo sostible. Ademais, a crise provocada polo Covid-19, seguramente faga que a economía nos distintos fogares se vexa mermada dun ou doutro xeito. Neste aspecto, avogamos porque na medida do posible, non se concentren os esforzos en realizar baixadas esaxeradas de prezo, das que logo será difícil saír, e se aposte por aumentar o valor engadido e a calidade do servizo”.
As ameazas e oportunidades que empresas e destinos encaran para este 2020 son variados e complexos. As oportunidades, que a Mancomunidade ten moi en conta para a xestión en positivo desta crise, pasan porque, a pesar de todo, viaxar forma parte do estilo de vida deste século e a xente, en canto retome a seguridade e confianza, vai seguir viaxando e farao en base ao turismo de proximidade a destinos pouco masificados, de natureza e rurais, fortalezas do xeodestino A Mariña Lucense. Fran Cajoto considera que “o turista seguirá buscando sumar varias experiencias enriquecedoras nun único enclave e para iso elixirá un destino que concentre todas as actividades e atraccións do seu interese para aforrar tempo en desprazamentos.Tamén se optará, sobre todo, por medios de transporte privados e auto caravanas”.
Proxectos
As tendencias falan de tecnoloxía, das experiencias previas virtuais –recordemos a posta en marcha por parte da Mancomunidade e ao principio desta crise da campaña A Mariña dende a casa, baseada en visitas virtuais e de realidade aumentada de distintos recursos do xeodestino-, das experiencias slow e do turismo experiencial, en definitiva, de vivir o momento cunha maior conexión coa xente local e os destinos, da autenticidade coma reclamo, dun viaxeiro que demanda cada vez viaxes mais responsables. Por algunhas destas cuestións, “considérase que o modelo no que se traballa dende o xeodestino, baseado na filosofía do turismo slow, responsable e sostible, cara un modelo turístico no que prime a calidade sobre a cantidade, ante esta crise mantense coma un acerto. Deste xeito, as accións nas que se traballa e traballaremos, tentarán que sigan por esta senda do turismo slow e sostible e porán en valor estas cuestións que caracterizan ao xeodestino”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “algunhas das accións nas que a Mancomunidade concentra os seus esforzos para aplicar tan pronto como sexa posible, aínda que algunhas estean pendentes das subvencións das que depende o xeodestino, son por exemplo, o deseño xunto aos Concellos dun programa de actividades gratuítas e de captación do turismo de proximidade. Nun programa de intelixencia turística no que se estude o posicionamento do xeodestino xunto a Concellos e sector privado, un foro e xornada de traballo onde se traslade esta información e se trate de construír de xeito participativo e consensuado o Plan de Comunicación do Xeodestino e un curso en Comunicación dixital, marketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas post Covid-19, co que dotar aos distintos axentes turísticos de formación e ferramentas para mellorar a súa comunicación dixital, clave neste momento que estamos a vivir”.
Hermida engadiu que “así mesmo, tamén se quere traballar nun plan de promoción centrado en transmitir confianza e seguridade para viaxar á Mariña Lucense e por outro lado na captación de turismo de proximidade. Continúase a deseñar unha xornada para a posta en valor e potenciación do produto local que, xunto á hixiene e seguridade na hostalaría, será un dos factores clave. Na configuración das Rutas de Artesanía para este ano, no deseño dun calendario de actividades gratuítas en torno á natureza, nun calendario para a Ruta da Faba ou na nova páxina web, que o ente agarda que poda estar para lanzar proximamente, entre outras cousas. No deseño de todas estas actividades, farase que o seu desenvolvemento se axuste ás indicacións e recomendacións das autoridades sanitarias”.