A Mariña está presente no libro 'Viajar por libre. 50 rutas en furgo por España'

TerraChaXa | LugoXa
 A Mariña está presente no libro Viajar por libre.
14 Out 2019

 A Mariña está presente no libro Viajar por libre. 50 rutas en furgo por España, do xornalista Pedro Madera. A FCAM segue así coa súa campaña de promoción turística desta comarca por todo o país, a través da colaboración iniciada hai un ano con este coñecido xornalista, historiador e viaxeiro infatigable. 

O libro saíu á rúa a finais do pasado mes de setembro. Ao longo de 304 páxinas o seu autor propón 50 rutas para facer en furgoneta ou en autocaravana por España. Unha desas propostas é A Mariña lucense, El suave paso de Asturias a Galicia. O percorrido de máis de 100 quilómetros levará ao viaxeiro a gozar da beleza paisaxística entre Ribadeo e Viveiro, achegándose incluso ata Estaca de Bares. Proponlles visitas ás Catedrais, a Rinlo, a Foz, a Sargadelos ou a Viveiro, entre outros lugares, e tamén lles fai recomendacións sobre áreas para autocaravanas que poden atopar na comarca e alude a tradicións como a rapa das bestas. 

Esta acción forma parte da campaña de promoción turística da comarca da Mariña que está realizar a nivel estatal desde hai un ano a FCAM.

O xornalista Pedro Madera xa publicou unha reportaxe en Marca Motor o pasado mes de abril na que achegou A Mariña a máis de 100.000 persoas. Madera fixo un percorrido entre Ribadeo e O Vicedo no que propuxo a visita a diferentes lugares de interese da Mariña como a Basílica de San Martiño, os portos de Nois, Burela, Celeiro ou O Vicedo. Falou da faba de Lourenzá e aludiu a establecementos comerciais como Panadería Torviso, Casa Damián, A Lonxa, Casa Chao ou Galipizza. 

Madera realizou outra reportaxe para mylifeplanet.com con saída desde o río Eo e remate en Estaca de Bares. O xornalista define a costa de Lugo como “una colección de lugares donde la vida se disfruta con otro ritmo”. 

Desde a Federación de Comercio A Mariña, o seu presidente, José Carlos Paleo, subliña que “é importante facer promoción do noso comercio e das nosas posibilidades turísticas aquí na Mariña, pero tamén é importante vender as nosas excelencias a nivel autonómico ou estatal. Si queremos recibir xente durante a maior parte do ano deberemos seguir traballando neste sentido”. 

Paleo engade que “desde a FCAM levamos dous anos colaborando co programa Gente Viajera, que dirixe e presenta Esther Eiros en Onda Cero. Este ano fíxose desde Burela para toda España e o pasado desde Foz. A Mariña, a súa gastronomía, a súa paisaxe, os seus monumentos, a súa xente… foron protagonistas durante as catro horas de radio en directo feitas desde a nosa comarca en 2018 e 2019”.

O presidente da FCAM sinala que “todas estas actuacións están pensadas para atraer a máis visitantes durante todo o ano, non só no verán e na Semana Santa. A Mariña ten moito que ofrecer de xaneiro a decembro: rutas, gastronomía, ornitoloxía, monumentos, tradicións, comercio, hostalería… e todo iso temos que poñelo en valor de forma constante”. 

0.094033002853394