A maxia das parroquias: San Vicente do Veral

LugoXa

San Vicente do Veral é unha parroquia situada a sete quilómetros do centro de Lugo que está formada por seis núcleos de poboación que son Astariz, Carballido, Penairada, Rebordaos, Santo Matías e o Veral.

22 ene 2023

San Vicente do Veral é unha parroquia situada a sete quilómetros do centro de Lugo que está formada por seis núcleos de poboación que son Astariz, Carballido, Penairada, Rebordaos, Santo Matías e o Veral. Cunha poboación total de 141 habitantes Astariz é o núcleo que conta cunha maior densidade de poboación aglutinando a cincuenta dos seus habitantes. A igrexa parroquial é de orixe románico moi tardío que conta con numerosas reformas posteriores. Consta de unha planta rectangular e só unha nave.

A parroquia do Veral presume dunha Aula de Natureza, un espazo que pretende achegar ós visitantes todos os aspectos naturais, culturais e patrimoniais desta zona que está enmarcada dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño. A Aula atópase na beira do río Mera, nunha pequena illa e é o punto de inicio para a Ruta das Chousas.

Esta é unha ruta circular que percorre un itinerario no que podemos atopar elementos destacados do medio natural e cultural que ben merecen unha parada. O río Mera, que nos acompaña durante o percorrido é un afluente do Miño e nel podemos atopar o muíño da Roxa. Este muíño é unha construción en granito, con tellado de lousa que aproveita a forza da auga para moer o grao e que noutros tempos tamén foi utilizado como vivenda.

Tamén se poden observar as chousas, que dan nome á ruta e que son porcións de terra de monte cercadas, polo xeral de pouca extensión, nas que se aproveitaba a madeira e a leña pero tamén as follas e a matogueira para o gando. Outro elemento que podemos atopar nesta ruta é unha canteira de granito, que actualmente está abandonada e en plena rexeneración natural. Na primavera pódese observar unha gran representación de animais acuáticos nunha pequena charca que se formou e que conta tamén con vexetación acuática.

Esta ruta circular ten uns tres quilómetros de recorrido total con pouco desnivel o que nos permitirá en menos de dúas horas coñecer un precioso espazo natural moi preto da cidade de Lugo.

Unido á Aula de Natureza a parroquia de San Vicente do Veral conta con outro espazo de coidado do entorno, o Centro de Recuperación da Fauna Salvaxe. Este lugar funciona como hospital para a fauna autóctona, no que o obxectico principal é a completa recuperación do animal para a súa posterior devolución ao seu entorno natural. Este centro tamén funciona como fonte de información epidemiolóxica e axuda á conservación de especies ameazadas.

A aldea de Astariz, dentro desta parroquia, foi protagonista hai uns anos por un gran achado arqueolóxico da man do Colectivo Patrimonio dos Ancares en colaboración coa Asociación Tir Na n’Og. Este achado corresponde a un castro situado a 450 metros de altitude e que posúe unha forma ovalada cunhas dimensións de 65 por 45 metros aproximadamente.