A maxia das parroquias: Santo Estevo de Camoira

LugoXa
Os hórreos, a Torre de Aez, a igrexa e o seu retablo maior de estilo neoclásico completan o patrimonio do núcleo lucense
santo_estevo_de_camoira_parroquia
santo_estevo_de_camoira_parroquia
10 Xuño 2024

A pouco máis duns 20 minutos de Lugo atópase a parroquia de Santo Estevo de Camoira. O núcleo conserva a súa igrexa parroquial en moi bo estado de conservación. Trátase dun edificio relixioso dos séculos XVIII e XIX, de planta rectangular e unha soa nave realizada en cadeirado de pedra e cuberta de lousa. Conta cunha portada adintelada, cun óculo sobre ela e que remata nun frontón partido por unha espadana de dous corpos. O primeiro presenta un vano unicamente para a campá en arco de medio punto rematado por pináculos, mentres que o segundo tamén ten un só vano en arco de medio punto rematado por un pináculo de bolas.

No interior pódese contemplar o retablo maior de estilo neoclásico datado de finais do século XVIII-principios do XIX, que garda unha imaxe de San Brais. O patrimonio do lugar complétao a Torre de Aez que, aínda que non goza do mesmo estado de conservación ca a igrexa, forma parte do catálogo de elementos protexidos e mantén viva a memoria do lugar. A torre, considerada BIC dende o ano 1949, é de planta cadrada, pero só se conserva a fachada norte. A construción fórmana a planta baixa cega e a superior que presenta un unha gran ventá de aresta viva, con impostas corridas sobre o lintel e sobre el, un escudo nobiliario.

Entre a arquitectura tradicional de Camoira tamén se conservan varios hórreos que nos remontan anos atrás, cando estas estruturas de madeira ou pedra se empregaban para gardar as colleitas de millo e outros cereais. Destaca o Hórreo Maira, de pedra e coa planta típica rectangular que se eleva sobre unha soleira de granito. Presenta cámara de dous claros, con columnas, e unha das paredes penais de granito. Os laterais péchanse con balaustres de pedra, tallados en bloques de tres ou catro. O tornarratos percorre todo o seu perímetro e conserva unha porta de acceso frontal, sen escaleiras. A cuberta é de lousa a dúas augas con remates decorativos: unha bola e un pináculo.

Tamén se encontra o Hórreo de Naveira, de tipo mixto con ladrillo e pedra e planta rectangular, elevado sobre tres cepas de perfil curvo, que se apoian sobre unha soleira de granito. Os laterais están cerrados con ladrillos, que substitúen aos tradicionais listóns de madeira dispostos verticalmente. O tornarratos de cantería percorre todo o seu perímetro e tampouco presenta escaleiras. A cuberta é de lousa a dúas augas, con sobrepenas de granito e unha cruz e a representación dun campanario como elementos ornamentais.

 

0.19353294372559