A mesa da Asociación Española Contra o Cancro centra a cuestación solidaria na cidade

LugoXa
Institucións e cidadanía participaron nunha xornada destinada a recadar fondos para investigación e apoio ás persoas afectadas pola enfermidade
mesa-de-cuestación-Asociación-española-contra-o-cancro-Lugo
14 May 2026

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) protagonizou en Lugo a tradicional cuestación solidaria desenvolvida en distintos puntos da cidade, unha iniciativa destinada á recadación de fondos para impulsar a investigación oncolóxica e reforzar a atención ás persoas con cancro e ás súas familias.

Ao longo da xornada instaláronse diferentes mesas informativas e de cuestación nas que participaron representantes institucionais e voluntarios da entidade, animando á cidadanía a colaborar cunha campaña centrada tanto no apoio asistencial como na investigación dunha enfermidade cuxa incidencia continúa en aumento. Segundo as estimacións da Rede Española de Rexistros de Cancro (REDECAN), no ano 2026 os diagnósticos de cancro en España superarán os 300.000 casos.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, visitou este xoves a mesa instalada pola asociación na Praza de San Marcos, onde lembrou o compromiso da institución provincial coa AECC e puxo en valor o traballo que realiza durante todo o ano no acompañamento ás persoas afectadas e no apoio emocional ás familias, ademais do labor investigador que desenvolve.

Tamén distintos membros do goberno municipal se sumaron á campaña como voluntarios nas mesas informativas promovidas pola asociación. Entre eles participou a alcaldesa, Elena Candia, quen destacou o papel fundamental da AECC tanto no acompañamento ás persoas enfermas como na sensibilización social e no impulso constante da investigación oncolóxica.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a mesa situada diante da Delegación Territorial xunto ao presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas. Durante a visita, Arias destacou a colaboración que mantén o Goberno galego coa entidade no desenvolvemento de plans de prevención, detección temperá e apoio ás persoas afectadas pola enfermidade.

Ademais, o representante autonómico salientou que a sanidade pública galega continúa avanzando con medidas pioneiras na abordaxe do cancro, entre elas a ampliación dos programas de cribado e os investimentos en tecnoloxía de vangarda para a diagnose e o tratamento desta doenza.

0.12789082527161