A Mesa Local de Comercio acorda manter o Mercado de Nadal e ampliar a programación aos barrios de Lugo

A Mesa Local de Comercio de Lugo acordou as principais liñas da campaña de Nadal, cunha programación orientada a dinamizar a actividade comercial e social da cidade e a facer chegar o ambiente destas datas a todos os barrios mediante unha proposta común que conecte as actividades do centro coas organizadas no resto das zonas.
Entre as decisións máis destacadas figura o mantemento do Mercado de Nadal, que este ano cambiará de localización para situarse na parte posterior da Praza Maior, nun recinto perimetrado que abranguerá tanto a contorna do templete como a explanada do fondo da praza. O novo deseño contará con tres accesos visibles e un espazo central destinado á animación e ás actividades, co obxectivo de ofrecer un percorrido máis atractivo para a veciñanza e as persoas visitantes. Ademais, manterase a caseta de alimentación con chocolate quente, unha das iniciativas mellor valoradas na pasada edición.
A Mesa tamén deu o visto e prace á instalación dun carrusel infantil na Praza do Ferrol para ampliar a oferta de lecer durante estas datas, así como a unha decoración de Nadal máis completa e novas accións de animación para reforzar o ambiente festivo na cidade.
Así mesmo, os integrantes do órgano apoiaron recuperar a instalación do Belén, organizar un concurso de escaparates para fomentar a implicación do comercio local e celebrar unha Cabalgata de Reis cunha temática acorde ás festas do Nadal.
Estes acordos adoptáronse durante a reunión extraordinaria da Mesa Local de Comercio, presidida pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, na que tamén participaron o concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Javier Vázquez; a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz; representantes do PSOE e do BNG, así como da Federación de Comercio, da Asociación de Mulleres Empresarias, de Lugo Monumental e de FACUA Galicia.