A Milagrosa celebra a Feira de San Isidro con gastronomía, música e tradición

O evento, apoiado pola Deputación de Lugo, reúne ata o domingo actividades culturais, degustacións e propostas festivas na contorna da praza da Milagrosa
Pregón-Feira-de-San-Isidro-da-Milagrosa-Lugo-26
23 May 2026

A contorna da praza da Milagrosa acolle esta fin de semana a 29ª edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía de San Isidro, unha cita organizada co apoio da Deputación de Lugo que converte o barrio nun punto de encontro para a gastronomía, a música e a tradición popular.

O acto inaugural contou co pregón do alcalde de Ribeira de Piquín e presidente da Fundación TerrEo, Roberto Fernández Rico. Durante a apertura, o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, destacou o compromiso do pregoeiro co rural e coa veciñanza, definíndoo como “un rexedor profundamente comprometido co seu territorio, que entende a política desde a proximidade e o contacto directo coa veciñanza”.

O deputado puxo ademais en valor o traballo desenvolvido en Ribeira de Piquín a través de iniciativas vinculadas á creación de proxectos produtivos, á recuperación de servizos básicos e á conservación do patrimonio cultural e dos espazos sociais. Segundo sinalou, estas actuacións resultan fundamentais para contribuír a fixar poboación e mellorar a calidade de vida no rural.

Miguel Fernández tamén incidiu na importancia das festas populares como elementos de convivencia e identidade colectiva, asegurando que “as celebracións dos barrios e das parroquias son moito máis ca unha festa: son memoria, son comunidade e tamén son futuro”. Nesa mesma liña, defendeu que conservar o patrimonio significa tamén construír identidade e reforzar o tecido social a través de espazos de encontro.

A Feira de San Isidro da Milagrosa prolongarase ata o domingo cun amplo programa de actividades gastronómicas, musicais e culturais, consolidándose como unha das citas destacadas do calendario festivo de Lugo. Entre as propostas previstas figuran a festa gastronómica da mazá asada, a XXV Festa do Becerro ao espeto que terá lugar mañá sábado e unha degustación de produtos da provincia con reparto de centos de lotes de queixos durante a xornada do domingo. Ademais, ao longo dos tres días, diferentes grupos de música tradicional e charangas encargaranse de animar o ambiente festivo.

0.13800692558289