A Milagrosa contará cunha nova pista de xeo para dinamizar o Nadal no barrio

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do barrio da Milagrosa prepara unha nova programación de actividades para o Nadal, coa intención de dinamizar as rúas e ofrecer propostas de lecer á veciñanza. Entre as iniciativas previstas figura a instalación dunha pista de xeo, unha proposta que o colectivo xa promoveu durante as pasadas festas.
Na anterior edición, a pista, duns 200 metros cadrados de superficie, estivo situada nas inmediacións da igrexa parroquial. A intención é contar cunha instalación similar, aínda que as características definitivas están por concretar.
Ademais, a asociación tamén está a valorar a organización dun mercado nadaleño, que se sumaría ás actividades previstas para crear ambiente festivo no barrio e favorecer a participación da veciñanza durante estas datas.